Indurain, entre os ilustres convidados á Volta á Galiza

Conta atrás para o inicio da gran rolda ciclista galega.
EuropaPress_3189124_miguel_indurain_disputara_cronoescalada_reset_by_santander_valdemorillo
photo_camera O campión ciclista navarro, nunha imaxe de arquiv (Foto: Europa Press)

A Volta Ciclista á Galiza 'O Gran Camiño', proba que busca recuperar un espazo propio para o ciclismo profesional galego no calendario internacional, terá un visitante ilustre: Miguel Indurain. O laureado deportista navarro estará no país entre o 24 e o 27 de febreiro, datas en que se disputará esta carreira ciclista por etapas. 

Indurain, campión das máis grandes roldas en varias ocasións, como o Tour de Francia e o Giro de Italia, tamén gañou unha Volta á Galiza, ademais de varias etapas. 

A Volta á Galiza 'O Gran Camiño' congregará nunhas semanas equipos internacionais de primeiro nivel. Entre as escuadras xa confirmadas están o Movistar, o Israel Start Up Nation, o Education First, o Cofidis, o Tavira, o Euskaltel Euskadi, o RP-Boa Vista, o Eolo Kometa, o Androni Giocattoli e o Bardiani.

Tras dúas décadas en suspenso, a Galiza recuperará este 2022 unha volta ciclista profesional por etapas no seu territorio, que ofrecerá "espectáculo, valores deportivos e difusión turística", segundo se salientou durante a presentación da rolda o pasado 14 de xaneiro. O evento conta co apoio do Goberno galego e das catro Deputacións. 

Catro etapas

Os corredores percorrerán máis de medio milleiro de km a través de 45 concellos. A primeira das etapas, o 24 de febreiro, conta con algo máis de 163 quilómetros entre O Porriño e Vigo. Será cha na maior parte e a 23 km de meta, os corredores subirán a Peinador antes de chegar ao sprint ao mesmo centro de Vigo.

O miradoiro do Ézaro tamén estará na Volta á Galiza. Será na segunda etapa, o 25 de febreiro, que se estenderá 177 quilómetros entre Bertamiráns, no municipio de Ames, e Dumbría.

A terceira xornada, o 26 de febreiro, será a 'etapa raíña', un percorrido pola zona suroriental do país, que salienta pola dureza da montaña, mais que tamén terá como protagonistas os ríos Miño e Sil, cos canóns da Ribeira Sacra. Serán algo máis de 148 quilómetros.

A derradeira etapa será unha contrarreloxo polo Concello de Sarria con dúas zonas de rodaxe ao comezo e ao final, e outra intermedia e algo máis crebada por estradas secundarias. Nos últimos sete quilómetros, transcorrerá íntegramente polo Camiño Francés, con final no icónico casco antigo de Sarria. 

Comentarios