O III Torneo Futmenina torna Oleiros na capital do fútbol feminino

Aberto o prazo de inscrición para a competición, organizada polo Unión Campestre Fútbol Club - o segundo equipo máis antigo da Galiza despois do Deportivo- e por Futmenina, que se desenvolverá os días 9 e 10 de abril, coincidindo coas festividades da Semana Santa, no campo do Redondo, en Montrove, Oleiros.

futfem
photo_camera As gañadoras da última edición, celebrando a súa vitoria. (Foto: Nós Diario).

Oleiros acolle unha nova edición de Futmenina, un torneo de fútbol feminino que o ano pasado congregou case 200 xogadoras procedentes de toda a Galiza.

Nesta ocasión o evento desenvolverase os días 9 e 10 de abril, coincidindo coas festividades da Semana Santa, no campo do Redondo, en Montrove, Oleiros.

As inscricións xa están abertas no portal futmenina.com ou no enderezo electrónico [email protected], e non pecharán até o vindeiro domingo, 15 de marzo. O prezo é de 12 euros por persoa, e todas aquelas interesadas en participar terán que formar un equipo cun mínimo de 10 xogadoras e un máximo de 14. 

O auxe do fútbol feminino

O torneo está organizado polo Unión Campestre Fútbol Club,  o segundo equipo máis antigo da Galiza despois do Deportivo, e pola web futmenina.com, un portal creado por tres mozas galegas, todas ex futbolistas: Jess Seoane, Sara Pernas e Lucía Grela.

En declaracións a Nós Diario, sinalan que o Torneo Futmenina nace para satisfacer unha necesidade ante a práctica inexistencia de competicións de fútbol feminino.

"Encantábanos participar en torneos de verán, xogar con compañeiras coas que non compartes equipo durante a tempada e vivir dous días intensos de fútbol. Pouco a pouco este formato foi desaparecendo, cada vez había menos posibilidades, e por iso nos decidimos a organizar un propio baixo o nome do noso portal", explican.

 As organizadoras agardan que se repita o éxito das dúas primeiras edicións: "Levalos a cabo dá moito traballo, pero a acollida dos torneos está sendo fantástica, e de feito para este ano xa tiñamos correos para participar antes sequera de ter publicado o cartel".

Ademais, sinalan que o seu obxectivo é "que poidan apuntarse todas as mozas interesadas en participar", por iso ofrecen a súa axuda para atopar equipo "a aquelas xogadoras que queiran inscribirse, pero aínda non teñan clube ou non cheguen ao mínimo de xogadoras".

"Non queremos que quede ninguén fóra porque na Galiza hai moito fútbol feminino, e porque cada edición ten moito máis nivel futbolístico. Para nós é un auténtico pracer sentar a velas xogar", conclúen.

Comentarios