Iago Aspas volve ao Celta e Fernando Navarro firma polo Dépor

Os equipos galegos anunciaron os primeiros reforzos para a nova tempada na máxima categoría. Sidnei é o próximo obxectivo do conxunto herculino mentres os celestes están preto de pechar a operación por Daniel Wass. 

(Imaxes: Celta e Deportivo)
photo_camera (Imaxes: Celta e Deportivo)


Iago Aspas (Celta) e Fernando Navarro (Deportivo), son as primeiras fichaxes dos equipos galegos de cara a nova tempada na máxima categoría do fútbol estatal. Reforzos aos que poderían sumarse o defensa brasileiro Sidnei, cerca de firmar co club herculino; e do volante danés Daniel Wass, que negocia a súa chegada ao conxunto celeste. 

Celta

Iago Aspas foi recibido por centos de seareiros e seareiras no seu retorno a Vigo. O xogador formado nas categorías inferiores do Celta volve tras o seu paso por Liverpool e Sevilla, onde non tivo os minutos que esperaba. “Igual era máis sinxelo seguir nos clubs cos que tiña contrato, gañar cartos e quedar sentado na casa. Pero gústame xogar ao fútbol e por iso, aínda que había outras opcións, a mellor era volver a facelo na miña casa”, declarou na súa presentación este pasado venres en Balaídos. O futbolista de 27 anos firmou polas próximas cinco tempadas.

Nos próximos días, podería anunciarse tamén a segunda incorporación do equipo vigués. A falta de confirmación oficial, todo apunta a que o centrocampista Daniel Wass será o substituto do seu compatriota Michael Khron-Dehli. O xogador de 26 anos, procedente do Evian francés, chegaría por case tres millóns de euros.

Deportivo

O lateral esquerdo Fernando Navarro firmou polo conxunto coruñés procedente do Sevilla, co que rescindiu o seu contrato. O reforzo era unha petición expresa do adestrador, Víctor Sánchez del Amo, co que coincidiu durante o seu paso polo corpo técnico do club andaluz. Un xogador tamén do agrado do presidente, Tino Fernández, con ampla experiencia e percorrido na máxima categoría e que podería ocupar o posto de central.

O próximo obxectivo dos deportivistas é reter o central Sidnei, cedido a última tempada polo Benfica. O defensa de 25 anos estaría interesado en continuar na Coruña, mais o equipo luso busca vendelo antes de que remate contrato o próximo ano. Equipos como o Levante manifestaron o seu interese polo brasileiro que, con todo, está máis cerca de seguir no Deportivo. 

Comentarios