A I Liga Ribeira Sacra de Billarda rematou na Estación de Manzaneda

Marea Verde de Manzaneda foi o campión por equipos.
Podio con Pablo, Xan e Sara (Federación Galega de Deporta Autóctono).
photo_camera Podio con Pablo, Xan e Sara (Foto: Federación Galega de Deporta Autóctono).

As instalacións deportivas da Estación de Montaña do municipio de Manzaneda acolleron este pasado domingo 29 de agosto as dúas xornadas finais (cuarta e quinta) da primeira Liga Ribeira Sacra de Billarda.

A organización salientou o lugar escollido, a máis de 1.500 metros de altitude, e os beneficios da práctica deste deporte en altitude, unha das cuestións aínda por estudar no ámbito da billarda. 

Iniciada a competición, na cuarta xornada gañou Pablo da Marea Verde de Manzaneda, segunda foi Sara do mesmo equipo e terceiro Xan de Lúa de Forza Sanxenxo. Na quinta xornada foi primeiro Xan de Lúa de Forza, segundo Dani de Río e terceiro Juan Carlos tamén do equipo de San Xoán de Río.

Despois de sumar os puntos das últimas xornadas o podio final da Liga Ribeira Sacra quedou con Xan Rodiño de Lúa de Forza Sanxenxo como campión, subcampión foi Pablo da Marea Verde de Manzaneda e terceira clasificada Sara da Marea Verde. 

Na Categoría de equipos o campión foi Marea Verde de Manzaneda e subcampión o equipo de Río. 

A liga Ribeira Sacra volverá en 2022

Unha vez rematada esta, até o vindeiro verán non haberá Liga na Ribeira Sacra, mais nas Finais Galegas de Billarda do vindeiro 2022, cara o último domingo de xuño, esta Conferencia ten dereito a unhas prazas para participar.

Estas prazas son catro en categoría individual absoluta, dúas prazas en feminina, unha praza en equipos e en infantil catro prazas. 

Desde a organización agradecen a colaboración dos concellos de Manzaneda, Pobra de Trives e San Xoán de Río que facilitou a realización deste remate de liga e contan con tela tamén de cara o ano vindeiro.

Comentarios