Huesca, capital do fútbol galego na diáspora

A Primeira División conta con numerosos exemplos de futbolistas galegos brillando alén das nosas fronteiras, pero onde máis confían no talento do país foi no Huesca, que conta nas súas filas con Ferreiro, Pablo Insua, Mosquera e Juan Carlos Real, que analizou para 'Nós Diario' este curioso caso.
Os xogadores da Sociedade Deportiva Huesca, festexando o título de campións da Segunda División. (Foto: SD Huesca).
photo_camera Os xogadores da Sociedade Deportiva Huesca, festexando o título de campións da Segunda División. (Foto: SD Huesca).

O fútbol galego vive a súa idade de ouro. Ou, mellor dito, o futbolista galego. A lóxica leva a pensar que esa época foi a de mediados dos anos 90, cando durante varias tempadas Celta, Compostela e Deportivo coincidiron na Primeira División, mais se retiramos o cálido filtro da nostalxia podemos ver que, por exemplo, na liga 1996/97 ningún xogador galego era titular indiscutíbel no Celta e no Dépor -nin sequera Fran, que tivo moitos problemas coas lesións durante ese ano-, e no Compos de Fernando Vázquez só Mauro e Nacho saían de inicio con regularidade.

Hoxe cambiaron radicalmente as tornas, e no único representante galego na máxima categoría (Celta) participan con regularidade Iván Villar, Hugo Mallo, Denís Suárez, Brais Méndez, Fontán, Santi Mina ou Iago Aspas, entre outros. 

Os futbolistas galegos están máis valorados que nunca, e por iso o seu mercado non se limita á Galiza, como demostra o brillo de Iago Falqué no Calcio, de Jonny na Premier ou de Angeliño na Bundesliga, onde é unha das máximas estrelas do campionato.

Porén, como é lóxico, onde máis xogadores da Galiza compiten é na liga española. Equipos como Real Madrid (Lúcas Vázquez), Valencia (Jason), Levante (Rober Pier), Osasuna (Rubén), Cádiz (Barragán), Betis (Borja Iglesias), Eibar (Yoel), Valladolid (Raúl García) ou Alavés (Lúcas Pérez, Joselu, Jota) confían no seu talento, aínda que a indiscutíbel capital do fútbol galego na diáspora está na Sociedade Deportiva Huesca, onde se xuntaron David Ferreiro, Pedro Mosquera, Juan Carlos e Pablo Insua.

Xogadores de perfís moi diferentes entre si, Juan Carlos Real apunta para Nós Diario que non pensa que a súa reunión se deba a quen a secretaría técnica do conxunto maño teñan unha especial predilección polo futbolista galego, senón que a o seu encontro foi cousa "de que o fútbol dá moitas voltas". 

O centrocampista coruñés revela que, aínda sen formar unha "grupiño" no vestiario ao estilo dos xogadores arxentinos ou brasileiros, o peso galego si que se deixa notar no vestiario do conxunto oscense, que define como "un bloque moi unido".

Fóra do terreo de xogo, o tempo pasa amodo nunha cidade "bonita, pequena e tranquila", como define Juan Carlos a capital oscense, e confesa divertido que no pasado botaba máis tempo cos seus compañeiros galegos que agora, porque "todos temos familia, parellas... facémonos maiores". 

Comentarios