Si houbo un cambio de treinador no Dépor

De acordo, é moi cedo aínda para facer avaliacións definitivas. Si, tampouco o xogo foi para botar foguetes. Mais tamén é certo que a equipa tivo algo do que careceu durante a etapa de Víctor Sánchez del Amo ou Pepe Mel, dirección técnica desde o banco.

depor
photo_camera Os deportivistas saen do túnel de vestiarios.

Un treinador pode verse na maior ou menor fortuna das substitucións de xogadores. Un treinador pode verse se no intermedio é quen de mudar a dinámica da equipa. Un treinador pode verse se é quen de encoraxar futebolistas até o de agora desaproveitados.


En todas esas facetas comezou a mostrar brillo Cristóbal Parralo na súa estrea na liga da Primeira División. A derrota copeira en Riazor face Las Palmas permitiulle tomar nota de aspectos básicos do xogo. A equipa corrixiunos, nomeadamente a partir do primeiro terzo do choque. Continúa a ter, porén, moito traballo por diante. Por exemplo, o primeiro gol en contra non é de recibo nunha equipa de elite. Nen pola facilidade en que os zagueiros foron desbordados nen pola prestación, nula, de Pantilimon na xogada. Facer un gol con cano incluído a un gardamallas que ten altura de ala-pívot é abeirar o ridículo.

Mais mesmo aí viuse a man de Cristóbal. A diferenza de episodios anteriores, a equipa non desabou, non se veu abaixo. Ao contrario, comezou a despregar o seu futebol, desta volta cun protagonismo moi destacado para os homes das bandas, un Cartabia que é de lonxe o xogador máis en forma do Dépor neste treito inicial do campionato e un Bakkali que se é quen de apañar unha óptima forma física pode dar moitas tardes de gloria ao combo coruñés.

E logo está Celso Borges. Futebolista que en aparencia non está mais que nunca descoida o desenvolvimento do xogo. Está a un minuto de se converter en colíder desta equipa, con Lucas Pérez. Dúas cabezadas súas noquearon o Las Palmas.

Co 1-2 no marcador, Cristóbal demostrou que o Dépor ten un treinador. Non ordenou botar atrás as liñas, senon unha presión moi intensa á saída da pelota en campo canario. E acertou nos trocos, a dar minutos a Pedro Mosquera e a Navarro, xogadores que ancoraron a equipa e non deron opción á remontada dos amarelos.

Ben, o calendario reserva agora emocións fortes. O próximo visitante, o Atlético de Simeone. O Dépor enxerga o compromiso cunha marxe de 5 pontos sobre o descenso.

UD Las Palmas: Raúl Lizoain; Michel, Lemos, Bigas, Dani Castellano, Vicente Gómez, Samper (Aquilani, min. 74), Jonathan Viera (Tana, min. 14), Rémy, Calleri e Vitolo.

RC Deportivo: Pantilimon, Juanfran, Schär, Sidnei, Luisinho, Guilherme, Borges, Fede Cartabia (Edu Expósito, min. 83), Fede Valverde (Pedro Mosquera, min. 61), Bakkali (Fernando Navarro, min. 73) e Lucas.

Goles: 1-0 Rémy (min. 7); 1-1 Borges (min. 36); 1-2 Borges (min. 54); 1-3 Lucas, de penalti (min. 69).

Árbitro: Del Cerro Grande (C. Madrileño). Cartóns amarelos a Michel (min. 45+2) e Juanfran (min. 90+4).

Incidencias: partido da décima xornada da Liga disputado no Estadio de Gran Canaria ante 14.805 persoas.

Comentarios