A histórica Tall Ships Races regresa á Galiza sete anos despois

A Coruña recibirá ás embarcacións en agosto de 2023.
O da Coruña é o porto máis visitado pola Tall Ships Races nos seus máis de 60 anos de historia. (Foto: Valery Vasilevskiy).
photo_camera O da Coruña é o porto máis visitado pola Tall Ships Races nos seus máis de 60 anos de historia. (Foto: Valery Vasilevskiy).

A Galiza, e máis concretamente a cidade da Coruña, acollerá o próximo ano as regatas da histórica Tall Ships Races, unha competición que regresa non só a territorio galego, senón ao conxunto da Península Ibérica, tras sete anos de ausencia.

Nesta nova edición, a organización da proba réndelle homenaxe á primeira circunnavegación do mundo, realizada hai máis de 500 anos por Fernando de Magallanes e Sebastián Elcano, "unha das viaxes máis importantes da historia da navegación marítima".

A cidade herculina -curiosamente, o porto onde máis recalou nos seus máis de 60 anos de historia- será o primeiro destino peninsular dunha Tall Ships Races 2023 que comezará o 15 de agosto en Falmouth, Inglaterra, a primeira parada dun itinerario que conducirá ás embarcacións até as augas da Coruña o 24 de agosto, onde permanecerán durante tres xornadas.

Tal e como destacou o Concello coruñés, este evento "atrae participantes e espectadoras chegadas de toda Europa", pois, destacaron, é un certame "de prestixio mundial". 

Tras o seu paso pola Coruña, a Tall Ships Races achegarase até a capital portuguesa, Lisboa, do 31 de agosto ao 3 de setembro, introducíndose logo en territorio do Estado español para o seu feche, concretamente na cidade andaluza de Cádiz, o 7 de setembro.

II 'Ruta Rías Baixas' 

Un total de 25 veleiros emprenderán a próxima segunda feira, día 4 de xullo, unha moi particular "peregrinación" por mar desde Baiona até Compostela, con diferentes etapas que pasarán por Combarro, Rianxo, A Pobra do Caramiñal, Muros e Portosín.

Trátase da segunda edición da Ruta Rías Baixas, unha iniciativa turístico-deportiva de carácter lúdico que busca "divulgar a cultura mariñeira, promover o turismo náutico, impulsar o deporte da vela e dar a coñecer as potencialidades dos portos galegos", segundo explicaron desde a organización, responsabilidade do Monte Real Club de Iates de Baiona, o Real Club Náutico de Portosín e a asociación Camiño de Santiago Ría Muros-Noia.

Na primeira edición do roteiro, desenvolvida o ano pasado, participaron 24 embarcacións, e este ano serán 25, chegando á cifra límite estabelecida pola organización para poder ofrecer aos e ás participantes "unha experiencia de calidade, tanto na navegación como nas diferentes escalas".

XIV Volta a Ons

E continuando co deporte da vela, a Copa Galiza de Clubs alcanza a súa terceira etapa puntuábel, que se levará a cabo na Pobra do Caramiñal. Así, o Club Náutico Arousa Norte dará un ano máis o pistoletazo de saída a un clásico da vela pesada galega, a Volta a Ons.

Neste 2022 a saída será ás 11.30 horas de hoxe, enfrontándose durante 35 millas de navegación polo corazón da Ría de Arousa unha frota de embarcacións que terá que circunnavegar as illas de Ons e Onza. 

Entre os favoritos a facerse cos faros de Ons de Sargadelos que levarán os primeiros clasificados de cada clase destacan os vencedores da recente regata Frinsa, o vigués Bonn III, de Victor Carrión, que se fixo co triunfo na clase Regata, e o pobrense José Manuel Pombar, que tentará encher de puntos a mochila do Club Náutico Arousa Norte para a disputa da Copa Galiza.

Comentarios