A historia, contra as operacións do Celta no mercado de inverno

O mes de xaneiro é ao mundo do fútbol o que setembro ao estudantado das xeracións anteriores ao 'Plan Boloña': ese momento do ano no que tratar de amañar a toda présa unha serie de males que non se solucionan con parches. Por iso -alerta spoiler- o máis posíbel é que a cousa non saia ben, como demostra este percorrido pola historia das incorporacións do Celta no que vai de século XXI.
O arxentino Augusto Solari, presentado hai apenas catro días, foi o último en chegar no mercado de inverno da tempada 2020/21. (Foto: RC Celta).
photo_camera O arxentino Augusto Solari, presentado hai apenas catro días, foi o último en chegar no mercado de inverno da tempada 2020/21. (Foto: RC Celta).

A Sede celeste, na céntrica rúa Príncipe, bota fume estes días. A pesar da contundencia da mensaxe emitida antes da apertura do mercado de fichaxes -"non haberá entradas se antes non hai saídas"-, desde o seu inicio, o pasado 4 de xaneiro, aínda ninguén abandonou o cadro de xogadores, pero xa se asinou a dous novos futbolistas: Aaron Martín e Augusto Jorge Mateo Solari.

O primeiro é un lateral novo, aínda que con ampla experiencia na Liga, que parecía chegar a Vigo coa intención de erixirse nunha alternativa a un Lucas Olaza saturado de minutos dada a sucesión de lesións padecida polo lateral esquerdo suplente, David Juncá.

Non obstante, e cando queda menos dunha semana para que se feche o mercado de inverno, de súpeto Olaza parece ter pé e medio fóra de Vigo, pois o Celta semella preferir destinar os catro millóns de euros que tería que transferir a Boca Juniors polo mellor centrador do equipo e un dos laterais máis destacados da competición para asegurarse a fichaxe do extremo arxentino Franco Cervi, quen estivo ás ordes do Chacho Coudet en Rosario Central durante a tempada 2016/17, pero que leva sen brillar desde que deu o salto a Europa, acumulando suplencias no Benfica portugués desde hai máis de tres anos.

Augusto Solari, pola súa banda, tamén é un vello coñecido do técnico celeste, que o considera "un pibe extraordinario" e "un profesional impecábel". Ambos coincidiron en Rácing de Avellaneda, proclamándose xuntos da Superliga arxentina.

Dúas incógnitas nunha longa listaxe de fracasos

O rendemento en Vigo deste volante de 29 anos sen experiencia fóra do seu país, así como o dun Cervi -en caso de concretarse a súa incorporación- polo que o seu actual equipo pide máis de oito millóns de euros polo seu pase, representa toda unha incógnita, e non sería ningunha sorpresa se os seus nomes pasasen a engrosar a longa listaxe de fracasos do Real Club Celta nun mercado invernal onde, precisamente, o mesmo Lucas Olaza ao que hoxe se lle están ensinando as portas de saída representa unha das máis honrosas excepcións a esta tónica.

Chegado en xaneiro de 2019, o uruguaio foi o único éxito da secretaría técnica ese ano, pois nin o defensa Wesley Hoedt nin o talentoso Ryad Boudebouz triunfaron en Balaídos, facendo as maletas apenas finalizou a Liga.

A situación o ano pasado foi practicamente calcada, pois un Celta que albiscaba con medo un futuro nos postos de descenso incorporou tres xogadores no mercado de inverno: o defensa colombiano Jeison Murillo, o dianteiro ruso Fedor Smolov e o centrocampista Filip Bradaric. Pese a transcorrer apenas 12 meses, unicamente o central ex de Valencia ou Barcelona continúa na cidade olívica, pois Smolov marchou de Vigo en canto tivo oportunidade para casar coa neta de Boris Yeltsin o día do 18 aniversario desta, e Bradaric nunca foi quen de encher o oco deixado meses antes por Stanislav Lobotka.

Cinguindo este repaso á etapa de Felipe Miñambres como máximo responsábel da Secretaría Técnica celeste, á que chegou en substitución de Miguel Torrecilla en xuño de 2016, descóbrese que o de Astorga non ten bo ollo para as incorporacións no mercado invernal, pois na tempada 2017/18 incorporou Lucas Boyé e Robert Mazan, dous futbolistas que, se ben tempo despois acabarían por despuntar -polo menos no caso do dianteiro arxentino-, no Celta acusaron a súa xuventude e inexperiencia, sumando entre ambos unha cifra que non alcanzou os 400 minutos de xogo.

Na campaña anterior, a lendaria 2016/17 na que o 'Euro Celta' alcanzaría as semifinais da Europa League e da Copa do Rei, Miñambres conseguiu asinar  Andrew Hjulsager e Jozabed Sánchez para reforzar un equipo que en xaneiro permanecía con vida en tres competicións e que necesitaba osixenar un cadro de xogadores que afrontaba unha segunda metade da tempada na que a esixencia a causa da acumulación de minutos podería pasar factura aos excelentes resultados que viñan obtendo.

Porén, en lugar de apostar por profesionais contrastados, o secretario técnico celeste decidiu optar por dous prometedores rapaces de 21 e 25 anos, respectivamente, que se ben no longo prazo ninguén dubidada que poderían ofrecer un gran rendemento -cousa que finalmente non chegou a acontecer- naquel momento non estaban preparados para ofrecer ese extra que tanto necesitaba o Celta.

Hoogendorp, contigo empezou todo: 50 millóns de pesetas desperdiciadas

O dianteiro holandés Rick Hoogendorp forma parte da historia do Celta non polo seu desempeño sobre o céspede, onde sumou apenas 297 minutos nos que non marcou nin un só gol; tampouco polo seu loiro fleco, incomprensibelmente de moda por aquel entón, senón por ser a primeira incorporación no mercado de inverno do conxunto celeste nesta centuria.

Os 50 millóns de pesetas desperdiciados neste tulipán negado cara a portaría contraria foron un mal presaxio do que estaría por vir, e desde aquel xaneiro do ano 2000 até o día de hoxe chegaron a Vigo nestas datas un total de 37 xogadores, dos que unha gran maioría fracasaron na cidade olívica. De feito, só Berizzo (2001), Ilic (2004), Fernando Sales (2008), Orellana (2013), Marcelo Díaz (2016), Lúcas Olaza (2019) e Jeison Murillo (2020) poden ser considerados un éxito. Outros, non chegaron a triunfar completamente por diferentes factores, como o carismático Mido (2003), mais, polo xeral, o mercado de inverno vigués foi sinónimo de 'paquetes' do calibre de Pinilla, Areias, Cellerino ou o brasileiro Welliton, lembrado por protagonizar unha persecución policial en estado ebrio polo centro de Vigo.

Comentarios