A hípica medra en participantes na Galiza malia a paréntese da pandemia

O Hipódromo de Antela actúa como referente coas súas carreiras. Este vindeiro 11 de xullo unha nova xornada ecuestre.
Coco Jambo con J. Vázquez na carreira de trote enganchado no Hipódromo de Antela, en Xinzo de Limia (Alberto P./ Hipódromo de Antela)
photo_camera Coco Jambo con J. Vázquez na carreira de trote enganchado no Hipódromo de Antela, en Xinzo de Limia (Foto: Alberto P./ Hipódromo de Antela)

O Hipódromo de Antela, situado en Xinzo de Limia, acollerá este vindeiro 11 de xullo unha nova xornada de carreiras de cabalos organizada polo Jockey Club Galiza. Este deporte foi medrando cos anos en número de cabalos e xinetes, así como en propietarias e propietarios de instalacións que se dedican á súa cría. Jorge Vázquez, responsábel de carreiras da Federación Hípica Galega e das instalacións de Antela, explica a Nós Diario que na actualidade as probas están reguladas pola Xunta e organizadas nestas instalacións que están consideradas como "o hipódromo oficial" do país. 

As probas poden ser de velocidade, trote e clásica, que se realizan con cabalos ingleses e árabes. "Os primeiros son moito máis rápidos e chegan a velocidades de 65 km/h e os segundos poden alcanzar os 55 km/h", sinala Vázquez. 

Outro tipo de carreiras reuniría as denominadas "de andadura de dous tempos ou galega" que tiñan certa tradición na Galiza ao redor das feiras e romarías mais coa particularidade de que se realizaban de maneira individual e non colectiva. Por último estaría o "trote enganchado" que aínda non conta coa oficialidade da Xunta e réxese pola Federación española e a balear "con apoio tamén da francesa", como explica Vázquez.

Con esta disciplina levan seis anos e conseguiron que algunhas propietarias e propietarios entraran na campaña "Made in Galiza" coa que promoven a crianza no país e espallar competicións propias. "Eran uns seis participantes cando comezamos e agora chegamos a contar con trinta", asegura, "aínda que en licenzas poden chegar a 50", engade. 

Carreiras e competicións máis importantes

Nas carreiras de velocidade contan con patrocinios galegos mais tamén de organismos e empresas dos Emiratos Árabes. Entre as probas máis importantes figura a Whatba Stallions Cup, con 5.000 euros en premios, que tivo lugar o pasado 20 de xuño e volverá o vindeiro 11 de outubro. Salientan, a nivel de dotación, tamén o Gran Campionato da Galiza e o de Ourense.

Ao longo do ano ten lugar o Campionato Galego organizado pola propia federación e no que conta a puntuación de xinetes e cabalos. Entre os primeiros podemos falar de nomes como Javier Calvo e Roberto Pérez, dos segundo estaría, por exemplo, As. Desde a federación sinalan que nestas competicións hai moita participación portuguesa "onde contan cunha longa tradición neste deporte".

O futuro da hípica na Galiza

A consolidación das probas conseguiu que as propietarias e propietarios colleran confianza no desenvolvemento deste deporte. "A xente está máis segura para participar e cada vez hai maior canteira en todas as disciplinas", indica o responsábel de carreiras da federación. Un dos problemas que atopan é a dos xinetes e as súas características que posúen certas limitacións.

"Teñen que ter pouco peso, menos de 65 quilos, e hai moita xente que lle gustaría correr e por este motivo non pode", aclara. Para solucionar esta eiva desde o propio hipódromo realizan cursos coa idea de "captar novas e novos" que reúnan estas características

Comentarios