Hai vida despois do derbi

Celta e Depor empatan a goles na festa do fútbol galego. Calquera dos dous tivo posibilidades de levar un partido que rematou co Celta en inferioridade numérica pola expulsión de Cabral.

Un derbi galego non é un derbi catalán nin madrileño, é algo máis. A rivalidade deportiva ten a súa continuidade naquela que existe entre ambas as cidades e dura todo o ano. Querer mudar esta situación é difícil aínda que se desexe o contrario. No encontro desta pasada fin de semana en Balaídos conseguiuse, en parte, tocar algo dese ceo do fútbol de noso cunha rivalidade sa e non violenta. @s seareir@s do celtiña estiveron á altura e aquel@s que se desprazaron desde A Coruña, oitocent@s sen os Riazor Blues desta volta, participaron sen ningún tipo de incidente remarcábel.

O encontro rematou cun reparto de puntos que deixa o Celta no medio da clasificación e o Depor puntuando despois de catro derrotas consecutivas mais aínda en postos de descenso

Empate xusto
Os primeiros minutos dun encontro destas características, cos nervios propios das grandes noites, son esenciais. Comezou ben o Celta cun gol de Mario Bermejo a pase de Iago Aspas, un dos mellores do partido. Era o minuto 8 da primeira metade e o partido non podía comezar mellor para os de Paco Herrera. O Depor tentaba "durmir" o partido e parar aos de casa mais sen deixar de presentar batalla agardando a aparición de Valerón. No minuto 29 foi un pase deste veterano a Juan Domínguez que resolveu só diante de Varas o que elevou ao marcador o gol do empate. Mudara a situación. O Depor colleu confianza e deste xeito rematou a primeira parte.

Xa no segundo tempo o Celta saíu a por todas e un primeiro aviso estivo nun forte disparo de Krohn-Dehli. A intervención arbitral, protestada polos celestes, marcou o resto do encontro ao expulsar a Cabral despois de dous cartóns amarelos en cinco minutos. Herrera tivo que recorrer a Samuel en substitución de Mario Bermejo e seguir cun xogador menos. O Celta seguiu co seu xogo de ataque e Iago Aspas e Krohn-Dehli tiveron as súas oportunidades. Por parte do Depor avisaron a Pizzi, de falta directa, e Nelson. O marcador xa non se moveu e o encontro rematou cun reparto de puntos que deixa ao Celta no medio da clasificación e ao Depor puntuando despois de catro derrotas consecutivas mais aínda en postos de descenso.

Comentarios