Entrevistamos Diego Seara

"Hai máis rapazada que xoga ao basket, pero teñen menos implicación"

Diego Seara (Ourense, 1988) leva desde 2017 como coordinador da base do Club Ourense Baloncesto, na que están integradas máis de 235 nenas e nenos. O seu traballo non e só ensinar a lanzar, a coller un rebote ou o que son uns pasos, senón "transmitir valores como o compromiso, a responsabilidade e o traballo en equipo.
Diego Seara, no Pazo dos Deportes Paco Paz.
photo_camera Diego Seara, no Pazo dos Deportes Paco Paz. (Foto: Club Ourense Baloncesto).

—Como chegou a ser o coordinador de base do Club Ourense Baloncesto (COB)?

Eu comezo no COB como xogador con 10 anos, mais logo marcho para A Coruña a xogar e a estudar INEF. Á miña volta a Ourense intégrome como adestrador nas escolas que había no Pazo dos Deportes Paco Paz, que estaban relacionadas co clube, e un ano despois empezo a dirixir o equipo cadete do COB. Posteriormente, coa entrada de Juan Norat, levei toda a preparación física da canteira, e logo da súa partida o clube pensou que era a persoa máis coñecedora de toda a estrutura e a dinámica de funcionamento da canteira, o que combinado co feito de ser unha persoa nova, de Ourense, e da propia casa, pois fixo que acabara levando eu todo este tinglado (ri). 

—Cantos equipos ten a canteira do Club Ourense Baloncesto?

Actualmente temos once equipos: dous  júnior, tres cadetes, dous infantís e catro de  mini-basket, dous en categoría alevín e outros dous deles en categoría benxamín. Nesta última un dos equipos é mixto, o que fai que, despois de moito tempo, o Club Ourense Baloncesto teña nenas xogando nas súas categorías inferiores. Para nós, que as rapazas formen parte e poidan participar é un paso adiante moi importante, porque tradicionalmente o COB non tivo equipo feminino e, as veces que o tivo, non se prolongou no tempo.

—Comentaba vostede que tamén foi canteirán do COB. Que diferenzas percibe entre como se traballaba a base na súa época e a actualidade? 

Antes de nada hai que ter en conta que daquela o COB monopolizaba a cidade. Colexios e outros clubes tiñan unha base moi pequena, que hoxe se ensanchou moito. Ademais, é certo que hai máis rapazada que xoga a baloncesto, pero non teñen a mesma implicación que había antes. No pasado o que xogaba a baloncesto vivíao durante todo o día: o recreo era basket, o parque era basket... hoxe non se percibe esa paixón, vese como unha actividade máis. Quizais por iso nas cidades pequenas, como a nosa, custa moito máis sacar bos xogadores.

—A que achaca este fenómeno? Aos cambios nas formas de ocio infantil e xuvenil, por exemplo?

Pois non é ningunha parvada. O mundo de hoxe ten unha serie de avances a nivel tecnolóxico que son xeniais para algunhas cousas, mais tamén implican novas formas de ocio e distracción. Ter acceso a tantas cousas fai que o basket non sexa unha prioridade, aínda que lles guste. Por outra banda, a vida a nivel académico é máis esixente que antes, e teñen moito que estudar, sobre todo a partir da idade de cadete. E como non son parvos, non invisten,  porque saben que chegar a vivir do baloncesto é moi complicado.

—Esa menor implicación leva consigo menos nivel de xogo? 

Si, está moi relacionado. E a tónica é moi difícil de cambiar, mais un bo punto de partida podería estar no modo en que os pais e nais inculcan certos valores ou compromisos. Porque se fas baloncesto non o cambias por outras cousas. Se os adestramentos son catro días á semana, tes que ir catro días á semana, non tres. O problema vén desde a casa, pero son os adestradores os que teñen que facer un labor diario de loita cos rapaces, que se extrapola no campo en forma de baixón no talento e na experiencia, pese a que a nivel físico as novas xeracións son mellores, pero o físico non o é todo.  

—Que repercusións positivas, a parte desa formación en valores, cre que ten o baloncesto, en xeral, e a canteira do COB en particular sobre as crianzas?

Son moitas, moitísimas. Teño a sorte de cun equipo de 16 integrantes extremadamente comprometidos que transmiten sempre cousas súper positivas, como son o traballo en equipo, a socialización e ser quen de facer cousas dentro dun colectivo, pois aínda que ti teñas as túas diferenzas cun compañeiros, axiña desaparecen, porque levas a mesma camiseta. Ensinamos a que sexan capaces de convivir, de pasar moitas horas xuntos, de ter respecto entre eles e sobre todo a rivais, adestradores, árbitros e contrarios. O clube funciona moi ben nese eido. Temos os rapaces moi ben coidados, ás veces incluso sobreprotexidos. Pode que a día de hoxe non teñamos unhas xeracións das que poidamos dicir que van saír grandes xogadores, como tiñamos hai catro ou cinco anos, mais hai un bo volume de nenos e nenas, que creceu moitísimo, e que sabemos que están moi contentos. Prefeririamos que adestrasen máis (ri), pero sabemos das súas limitacións e das outras actividades que teñen, porque non todo é basket nesta vida.

—Nota que desde a base dos equipos deportivos como o Club Ourense Baloncesto se está desenvolvendo, por omisión dos pais e nais, un labor que debería corresponderlles como transmisores de valores como o esforzo, o respecto ou a disciplina? 

Si. É curioso, porque eu cando era canteirán non necesitaba que os meus pais me dixesen nada sobre o compromiso que tiña que ter co baloncesto. Se adestrabamos tres días á semana, e de repente aparecía un cuarto día, xa sabían que eu iría a adestrar, faltar non era unha opción. Como as prioridades cambiaron tanto, temos que ter unha loita constante, e non é fácil, pero hai que adaptarse, intentar que adestren o máis posíbel e xerar a máxima ilusión, para que os rapaces e as rapazas vexan que así melloran e queiran repetir.  

Comentarios