Volta á Galiza o ex atleta Gustavo Dacal após padecer dengue: "Estiven perto de morrer"

"A miña idea é seguir no deporte dunha maneira ou outra", dixo, após ser recibido en Alvedro por familiares e medios de comunicación.
Gustavo Dacal abraza a súa nai após aterrar no aeroporto coruñés de Alvedro, esta terza feira. (Foto: M. Dylan / Europa Press)
photo_camera Gustavo Dacal abraza a súa nai após aterrar no aeroporto coruñés de Alvedro, esta terza feira. (Foto: M. Dylan / Europa Press)

O ex atleta Gustavo Dacal, dez veces campión estatal en lanzamento de xavelina, chegou esta terza feira ao aeroporto coruñés de Alvedro tras contaxiarse de dengue en México e empeorar o seu estado de saúde ao padecer tamén outras enfermidades, cunha infección que afectou a súa mobilidade.

Fíxoo recibido por aplausos dos seus familiares, entre eles a súa nai, e tamén coa presenza de medios de comunicación aos que Dacal atendeu. "Foi duro", dixo, nunhas declaracións aos xornalistas nas que quixo agradecer o apoio recibido nun proceso que foi "longo".

"Non se vía se podería estar aquí, estiven perto de morrer", explicou, en relación á posibilidade de que falecese debido ao seu estado de saúde e o empeoramento sufrido. Agora está de volta na Galiza con "moitas ganas" de ver a súa xente e de traballar para "ser máis funcional", algo que conseguirá co tratamento ao que se someterá no Complexo hospitalario da Coruña (Chuac).

Todo iso, engadiu, para "ter unha mellor calidade de vida e gozar das persoas que me apoiaron tanto", insistiu, en referencia tamén aos profesionais sanitarios que o atenderon en México.

Dacal admitiu que foron semanas de "bastante sufrimento" nas que non foi "fácil" seguir adiante. Agora, recalcou, o seu obxectivo é porse en mans de profesionais para mellorar. "A miña idea é seguir no deporte dunha maneira ou outra", apostilou.

Comentarios