Gustavo César Veloso mantense líder da xeral na Volta a Portugal

Despois da disputa da primeira e mais longa etapa desta carreira Edição Especial 2020, o ciclista arousán conserva unha vantaxe dun segundo sobre os seus perseguidores.
volta_portugal_veloso1
photo_camera Veloso, vestido de amarelo, no podio do monte de Santa Luzia (FC Porto)

O galego Gustavo César Veloso mantense no máis alto da clasificación xeral da Volta a Portugal tras a disputa da primeira e mais longa etapa desta carreira Edição Especial 2020. O deportista de Vilagarcía, nas filas do W52-FC Porto desde 2013, agatuñou até a primeira posición grazas á súa vitoria no prólogo disputado o domingo, onde realizou o percorrido en 9 minutos 39 segundos, cunha velocidade media de 43,523 km/h.

A primeira xornada tivo partida de Montalegre e chegada ao monte de Santa Luzia, en Viana do Castelo, cunha distancia total de 180 quilómetros. A etapa contou cunha fuga, a do portugués Marvin Scheulen (LA Alumínios-LA Sport), que atacou aos catro quilómetros de etapa e só foi alcanzado cando restaban 13 para a meta. Durante este período chegou a ter algo mais de 8 minutos de vantaxe con respecto ao grupo perseguidor.

No pelotón era o W52-FC Porto de Veloso que comandaba. Isto permitiulle a el e ao seu compañeiro Daniel Mestre conseguir puntos en todas as metas volantes da carreira, algo que acabaría sendo decisivo para a clasificación final da etapa.

A só 17 quilómetros para a meta as posicións na vangarda do pelotón fóronse alterando, con varios equipos colocándose á fronte até unha rápida chegada a Viana do Castelo.

Subida final

Xa na subida final, un premio de montaña de 3ª categoría,  houbo varios ataques que foron anulados, e é nos 300 metros finais que se acabou por decidir a etapa. Como se de un esprinte se tratase, Daniel Mestre asumiu o liderado da carreira, mais acabou por ser superado por Luís Gomes (Kelly/Simoldes/UDO), que se acabou alzando coa vitoria da etapa cun tempo final de 4 horas 24 minutos 41 segundos.

Mestre ficou segundo e Veloso terceiro. Cuarto foi António Carvalho (Efapel) e quinto outro corredor do W52-FC Porto, João Rodrigues. Até o 26º posto marcouse o mesmo tempo.

Así, na xeral individual, o arousán mantense no máis alto, cun segundo de vantaxe sobre Rafael Reis (Feirense) e Mestre.

Comentarios