Gustavo César Veloso afronta con 41 anos o seu particular 'Last dance'

O ciclista disputa a súa derradeira Volta a Portugal.
Veloso gañou en dúas ocasións a 'Grandíssima', e na pasada edición finalizou en segunda posición. (Foto: Volta a Portugal).
photo_camera Veloso gañou en dúas ocasións a 'Grandíssima', e na pasada edición finalizou en segunda posición (Foto: Volta a Portugal).

As historias de superación e as despedidas lendarias non só teñen lugar nos Xogos Olímpicos. A máis de 11.000 quilómetros de Tóquio, con 41 anos, o ciclista galego Gustavo César Veloso afronta o seu particular Last dance -emulando o título do afamado documental protagonizado por Michael Jordan- na súa proba fetiche, a Volta a Portugal.

Dúas veces gañador da camisola amarela e segundo clasificado na xeral do 2020, o deportista vilagarcián di adeus á Grandíssima como líder do equipo Atum General-Tavira-Maria Nova Hotel, ademais de como cabeza visíbel dunha representación galega conformada por tres corredores máis na LXXXII edición da rolda máis importante do calendario luso de estrada.

O estradense Alejandro Marque e o redondelán Samuel Blanco compartirán equipo con Gustavo César Veloso, mentres que o cambadés Ángel Sánchez defenderá as cores da escuadra Tavfer-Measindot-Mortágua, integrando así un póker de corredores no que ningún é novato nunha Volta que o ciclismo do país xa conquistou en oito ocasións, da man de David Blanco (5) e os propios Gustavo César Veloso (2) e Alejandro Marque (1).

Co Movistar Team como gran atracción na liña de saída, o primeiro maillot de líder púxose en xogo nun prólogo de 5,4 quilómetros en Lisboa, con vitoria para Rafael Reis (Efapel), que entrou por diante do ex ciclista do Vigo-Rías Baixas Mauricio Moreira, mentres que Veloso foi décimo. Na etapa desta quinta feira, 5 de agosto, o líder confirmou a súa condición de favorito gañando de novo, nesta ocasión logo dun ataque con éxito tras aproveitarse dun descenso nos quilómetros finais tras ascender o Alto da Arrábida, situado na súa localidade natal, Setúbal. Con respecto á delegación galega, todos chegaron integrados no pelotón, a apenas dous segundos do gañador e líder Rafael Reis.

A Volta a Portugal estenderase até o 15 de agosto, e no percorrido destaca outra loita individual contra o reloxo, de 20'3 quilometro. As etapas raíñas desta rolda de categoría 2.1 rematarán nas dúas subidas máis célebres do país, o alto da Torre -o punto máis elevado do Portugal continental, que se subirá este sábado 7 de agosto- e a ascensión á Senhora da Graça, prevista para a penúltima xornada.

A selección galega corre en Cantabria

A tempada aínda non rematou para a selección da Galiza de estrada, que vén de disputar no pasado mes de xullo os Campionatos de España en Idade Escolar e Júnior. O combinado nacional participa desde o 6 de agosto -estreándose coa durísima V Subida a la Bien Aparecida- e até o vindeiro domingo na Vuelta a Cantabria Feminina, proba para a que o seleccionador, Jose Manuel Abalo, confeccionou unha convocatoria composta por catro júniors e cinco cadetes. 

Así, as ciclistas que defenderán as cores galegas nas estradas cántabras son na categoría Xuveníl Sonia Domínguez Estévez (XSM, C.C.), Laura María Mira Juárez (Avanza, A.D.), Claudia García Salgado (Farto, C.C.) e Carmen Mallo Domato (Cambre, C.C.), mentres que na Cadete as escollidas son María Filgueiras Barcenilla (Caimanes Betanzos, C. BTT), Lara Fuentes García (Cambre, C.C.), Vania Gregores López (Ponteareas, C.C.), Andrea Prado Laredo (Betanzos, C.C.) e Aroa Otero Táboas (Avanza, A.D.).

Comentarios