Baloncesto

Guipúscoa, primeiro obstáculo do Leyma no soño da ACB

A escuadra herculina debuta na promoción buscando unirse a Monbus Obradoiro e Leite Río Breogán.
O choque galego-vasco terá lugar ás 19 horas de hoxe en Riazor. (Foto: Guipúscoa Básket).
photo_camera O choque galego-vasco terá lugar ás 19 horas de hoxe en Riazor. (Foto: Guipúscoa Básket)

O Leyma Básquet Coruña completou no presente exercicio a mellor campaña da súa historia, un logro que non vale de nada se non o complementan co premio do ascenso no play-off. A sempre complicada ruta á Liga ACB comeza esta sexta feira (19 horas) cunha rolda de cuartos de final da que o gañador obterá un boleto para a final four e na que o rival da escuadra herculina será o Guuk Gipúscoa, oitavo clasificado nunha fase regular na que o Leyma foi terceiro.

O arquitecto detrás deste equipo que soña con subir á máxima categoría é Diego Epifanio, quen xa conseguira a mesma fazaña co Leite Río Breogán hai exactamente un par de anos, en 2021.

A súa veteranía, con todo, non evita os nervios ante o transcendental compromiso de hoxe: "Sempre hai tensión, propia e na contorna, pero na cabeza dos xogadores só está o desexo de manter a calma durante os 40 minutos para comezar ben e agradar".

Insistindo nesta materia, Epifanio lembrou que "durante a maioría dos partidos" da fase regular, os seus xogadores "estiveron serenos" con independencia dun rival que, lembrou, tivo moi boas actuacións contra o Básquet Coruña. "Guipúscoa é un bloque que defensivamente ensucia moito, traballa moi ben, e polo tanto fan que os seus contrarios acaben moi incómodos sobre a pista, como nos pasou a nós cada vez que nos enfrontamos", engadiu.

"Seguramente os adestradores sempre pensamos que o equipo que temos diante é o mellor do mundo, pero no noso caso é certo, porque eles [Guuk Guipúscoa] foron o único ao que non puidemos superar no basketaverage, pois venceron na nosa casa e alá perderon na prórroga e tiveron o último tiro para gañar", dixo, poñendo en valor o perigo que representan os vascos a pesar da súa clasificación na Liga.

Menos precavido nas súas declaracións foi capitán laranxa, Javi Vega, quen na rolda de prensa previa ao partido manifestou a súa convicción en que a eliminatoria sexa "o máis curta posíbel". 

"Chegamos ao play-off moito mellor que noutras ocasións. Este é o meu terceiro ano aquí, e aínda que no primeiro si que estivemos ben preto [quen finalmente logrou subir foi Diego Epifanio co Breogán], o ano pasado, non vou mentir, estabamos moito máis xustos que nesta ocasión, na que estamos inmersos nunha dinámica moi positiva, mostrando solidez e sempre competindo a bo nivel", concluíu, recoñecendo a súa "ilusión" por ascender.

Comentarios