As guerreiras laranxas, un exemplo a seguir no mundo do deporte feminino

Os éxitos acadados e o seu compromiso coa igualidade converten ao Pescados Rubén Burela FS nunha referencia a nivel internacional no ámbito do deporte feminino. A comezos de decembro, o equipo disputará o campionato europeo de fútbol sala feminino, que terá como sede a cidade de Lugo.
O equipo posa co seu último título de Liga, acadado na tempada 20202021. (Foto Burela FS)
photo_camera O equipo posa co seu último título de Liga, acadado na tempada 20202021. (Foto Burela FS)

Dende a súa aparición no ano 2008, a categoría feminina do Pescados Rubén Burela FS foi medrando pouco a pouco até se converter nun dos equipos de referencia no deporte feminino. Asentadas nunha vila de non máis de 10.000 habitantes, as chamadas guerreiras laranxas levaron o nome de Burela por todo o mundo, conseguindo o recoñecemento de Mellor Equipo Feminino do Mundo nos premios Futsalplanet Awards 2020. Este galardón chegou após unha tempada (a 2019/2020) na que as xogadoras gañaron todas as competicións que disputaron: Liga, Copa da Raíña, Supercopa de España e Copa Xunta da Galiza, así como unha Recopa de Europa oficiosa. Ademais, Patricia González Mota, máis coñecida como 'Peke', ocupou o segundo posto na categoría de Mellor Xogadora.

Tan só trece anos despois do seu nacemento, o Burela FS feminino xa conta cun total de 4 Ligas, 4 Copas da Raíña, 3 Supercopas de España,  6 Copas Xunta de Galiza e 1 Recopa de Europa. Agora, o seu obxectivo máis próximo céntrase en conquistar a Champions League de fúbol sala feminino, que disputará a súa cuarta edición a principios de decembro.

Unha cita con Europa 

O Pazo Provincial de Deportes do Concello de Lugo será o encargado de acoller a cita europea do 2 ao 5 de decembro. Así o anunciaban as xogadoras Jozi Oliveira, Lara Balseiro e Elena García Martos no programa Luar, da TVG. "Para nós é todo un orgullo participar neste torneo e seguir visibilizando o deporte feminino na nosa terra e no mundo", sinalaba a entidade a través das súas redes sociais. A competición reunirá os mellores equipos das mellores ligas europeas, con representantes do Estado español, Portugal, Italia, Rusia, Croacia e Ucrania. Deste modo, as raíñas laranxas serán as encargadas de representar ao fútbol sala feminino español como campioas de Liga, Copa e Supercopa. 

O pasado 10 de novembro, a UEFA anunciaba que o encontro contará co permiso deportivo oficial da propia entidade. Esta é a cuarta edición da Champions League de fútbol sala feminino, que xa se realizou noutras ocasións en Navalcarnero (Madrid), Drachten (Holanda) e San Javier (Murcia). En todas elas, un equipo do Estado acabou acadando o título disputado, facéndose o Atlético de Madrid Navalcarnero con dous e o Jimbee Roldán FSF con un. 

Estruturada en dous grupos diferentes, o equipo laranxa terá que enfrontarse aos conxuntos ruso e croata. Así, disputará o primeiro partido o 2 de decembro ás 20.00 horas contra o ZNK Osijek, mentres que o seguinte será fronte ao MFK Normanochlka o sábado 4 de decembro ás 18.30 horas. De gañar os dous encontros e reunir os máximos puntos posibles, xogará a final ás 12.30 horas do domingo.

Pioneiras en dereitos

Á marxe das competicións, o Pescados Rubén Burela FS marcou unha antes e un despois no que a dereitos das xogadoras se refire. No ano 2018 e logo de meses de negociacións coas mesmas e coa Asociación de Xogadores e Xogadoras de Fútbol Sala, asinaron o primeiro convenio colectivo da historia do deporte feminino español. Dende un primeiro momento, o club mantivo clara a súa posición e explicou que "se os xogadores teñen dereitos pola súa dedicación profesional a este deporte, por que non o ían a poder telos as súas xogadoras, igual de profesionais ca eles". 

Este convenio, con vixencia de dous anos e que xa foi renovado en outubro do 2020, axústase ás necesidades e realidades do muller no deporte profesional, recollendo importantes cuestións: renovación automática en caso de embarazo; compromiso de vacacións en datas sinaladas; dereito a 10 días de asuntos propios polo coidado de fillos e fillas, así como de maiores; axudas para a conciliación familiar; garantía dun salario mínimo de 900 euros cunha subida do 2% anual; o club comparte os dereitos de imaxe; seguro de accidentes e invalidez, etc. Xogadoras como Bea Mateos ou Jozi de Oliveira, dixeron sentirse "orgullosas" de pertencer ao club, agardando que o convenio sexa un "exemplo a seguir" nun futuro.

Un equipo en loita pola igualdade, tolerancia e contra a violencia de xénero

Un dos grandes compromisos do Pescados Rubén Burela FS céntrase na defensa da igualdade tanto no ámbito deportivo como en todos os demais. A pasada fin de semana, o equipo enfrontábase ao FSF Móstoles no pavillón de Vista Alegre, nun encontro dedicado á loita pola igualdade con motivo do 25N, Día internacional contra a Violencia de Xénero.

Por outra banda, o club laranxa visibilizará esta loita pola tolerancia e a non violencia no deporte e na vida como anfitrión e organizador da Champions League de fútbol sala feminino. Entre outras iniciativas, o Burela tamén desenvolve na súa páxina web un espazo chamado Pioneiras, co obxectivo de dar voz a grandes figuras que loitaron a prol da igualdade do deporte feminino.

Comentarios