domingo 29.03.2020

As 'guerreiras' do Guardés achéganse ao título de Liga

O equipo galego ocupa o terceiro lugar na táboa logo dunha gran remontada ante o Rocasa (22-24)
As xogadoras galegas festexan un tanto durante o partido (Foto: Rocasa Grancanaria)
As xogadoras galegas festexan un tanto durante o partido (Foto: Rocasa Grancanaria)

Paciencia, paciencia, e máis paciencia. Ese é o segredo do Atlético Guardés para, pouco a pouco, vitoria a vitoria, consolidarse nas posicións de honra na táboa da Liga Guerreiras Iberdrola de balonmán.

A última vítima da escuadra galega foi o conxunto grancanario do Rocasa, que caeu derrotado na súa casa (22-24) após unha gran remontada do Guardés, que suma o seu segundo triunfo consecutivo.

Pese a non atoparse cómodas unha importante parte do partido -concretamente durante case 45 minutos-, as xogadoras do Atlético Guardés esperaron, cautas, o seu momento para confiar nas virtudes propias e asestar un golpe ás súas rivais do que xa non foron quen de recuperarse.

Unha importante falta de lucidez, erros de pase e de lanzamento caracterizaron a primeira metade do encontro para as galegas, mais as de Prades recompuxéronse grazas á acertada actuación de Sarah Valero nos seis metros e ás paradas salvadoras da gardameta arxentina Marisol Carratú.

Construíronse así as bases da remontada do Balonmán Mecalia, que cunha táctica con dous pivotes sobre a pista desfixo a solidez defensiva local.  

Así, a pesar da espectacular actuación da brasileira Jaqueline Anastacio -que anotou 10 dos 22 tantos do conxunto canario-, e dos intentos desesperados por frear o impulso galego dos técnicos do Rocasa, Carlos Herrera e Roberto Santana, as xogadoras de José Ignacio Prades consolidaron unha vantaxe de dous tantos, que mantiveron até o final do encontro.

Próximo obxectivo, a Challenge Cup

O conxunto miñoto está disputando na actualidade a súa sétima aventura en competicións europeas, mais só nunha ocasión anterior á actual disputara a prestixiosa Challenxe Cup.

Aquela vez alcanzaran a rolda de cuartos de final, logro que conseguiron igualar neste 2020, tras superar na fase previa ao ACME Zalgiris Kaunas de Lituania por un global de 64-57.

O pasado día 11 de febreiro fíxose público que o seu rival serían as españolas do Aula Alimentos Valladolid, nun encontro que se disputará este domingo, día 1 de marzo, ás 12 horas.

Agárdase que as xogadoras conten co respaldo dun importante número de seareiras, pois xa está confirmado o desprazamento das peñas O Inferno e Os Anxos da Garda.

comentarios