Guerra de protocolos entre Xunta e CSD

A seguridade no deporte segue a ser fonte de conflitos coa aplicación de diferentes protocolos entre a Xunta da Galiza e os organismos deportivos estatais. A última proposta do Goberno galego de realizar probas a todos os deportistas que veñan de fóra e para os que viaxen aínda non ten resposta do CSD.
Partido do Club Balonmán Atlético Guardés (Club Balonmán Atlético Guardés)
photo_camera Partido do Club Balonmán Atlético Guardés (Club Balonmán Atlético Guardés)

A Xunta da Galiza reiterou a petición de exixir que os equipos e deportistas galegos que participen en competicións estatais non oficiais que impliquen contacto teñan que facer un test serolóxico para previr contaxios en relación á Covid-19.

Da mesma maneira, solicita que os equipos e deportistas nas mesmas circunstancias que se acheguen á Galiza tamén pasen por ese control. Con esta intención o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, enviou unha carta ao ministro de Sanidade, Salvador Illa, na que ofrecía a súa colaboración e insistíalle en que tivese en conta a orde aprobada o 30 de setembro de 2020 sobre modificación de determinadas medidas previstas no Acordo do Consello da Xunta, do 12 de xuño de 2020 e publicada posteriormente no Diario Oficial da Galiza

Segundo a propia Xunta, no caso de expedicións de equipos e deportistas procedentes doutras comunidades deberán realizar o "test serolóxico ou proba similar" en orixe polo menos 24 horas antes da súa chegada, para protexer a poboación, xa que o curto espazo de tempo que permanecen na Galiza pode impedir que lles sexa de aplicación a normativa reguladora do Rexistro de viaxeiros do 27 de xullo.

O protocolo do CSD e liorta coa ADESP

O protocolo para o regreso das competicións oficiais de ámbito estatal e carácter non profesional, elaborado polo Consello Superior de Deportes (CSD), non esclarece, segundo o propio conselleiro, "aspectos como o tipo de proba a realizar, o seu financiamento, a evolución da súa utilidade e se se deben facer máis dunha vez con posterioridade", cuestións pendentes de decidir no Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde a pesar de que as competicións xa teñen iniciado ou son de inminente comezo. 

A Xunta agarda a realización deste Consello para dirimir estas cuestións de absoluta importancia para a reactivación do deporte estatal. En palabras do conselleiro, a modificación aprobada agora é dunha medida "provisional" para "cubrir transitoriamente un baleiro".

Os protocolos e a seguridade no deporte non profesional están a crear unha guerra entre organismos e entidades que vai máis alá das propias competencias dos diferentes territorios. A Asociación do Deporte Español (ADESP) exixiulle ao Goberno Galego que modificara a norma asegurando que representa unha "deslealdade" co marco consensuado entre todos os axentes institucionais e deportivos. Desde a Secretaría Xeral para o Deporte, lembran que xa consta nas alegacións presentadas ao protocolo do CSD a súa defensa da necesidade de realizar tests serolóxicos ou probas similares para a reactivación segura da práctica deportiva. 

O problema agora sería o financiamento

Bruno López, presidente da Federación Galega de Balonmán, asegura a Nós Diario que están "completamente de acordo con que se realicen tests serolóxicos" o problema viría por saber "quen ten que financialas". Admite que é un tema que está "enriba da mesa desde que se aprobou o protocolo do CSD” e que “aínda teñen que explicarnos como será esa financiación, agora mesmo é o que máis nos preocupa".

López indica que o balonmán en particular e o deporte en xeral "non pode estar á marxe da actual situación" e igual que todo o mundo leva unha máscara para protexerse dos contaxios "nós igual, sería unha falta de respecto cara a sociedade se non o fixésemos". O organismo federativo do balonmán galego procurou orzamentos de probas serolóxicas e polo de agora a máis económica está en 12 euros por persoa cada vez que se faga.

"Se un club ten que facela cada quince días acaba por ser un gasto importante cun gasto por tempada de case 5.000 euros", relata López, "e non podemos esquecer que estes clubs xa teñen agora mesmo moitos problemas de financiamento". 

Agora mesmo nas competicións non se exixe a realización de tests serolóxicos noutros territorios do Estado español, algo que para o presidente da Federación Galega de Balonmán "é unha irresponsabilidade".

Explica que desde o organismo que preside tomaron a decisión de que os equipos galegos deste deporte empregaran a máscara nas súas saídas fóra da Galiza e tamén aquí, mais "non contemplan ningunha outra opción" e en caso contrario "non deberíamos volver á competición". Preguntado sobre quen debería afrontar o gasto dos tests, López cre que as diferenzas "se o CSD quere rematan" igual que aconteceu con outras cuestións. Neste tema pensa que as probas "deberían pagalas as federacións estatais, a Xunta e o CSD".

Comentarios