O Guardés viaxa a Valladolid cun ollo posto en Europa

As galegas xogan mañá en Pucela ante o Aula Alimentos
O domingo disputa o decisivo choque de cuartos da Copa EHF. (Foto: Atlético Guardés).
photo_camera O domingo disputa o decisivo choque de cuartos da Copa EHF. (Foto: Atlético Guardés).

O Guardés non para e atópase xa no medio doutra semana con duplo compromiso. Con miles de quilómetros no corpo tras viaxar a fin de semana a Leópolis (Ucraína), a expedición galega chegou na segunda feira a media tarde á Guarda co único desexo de poder descansar e recuperarse para afrontar dúas novas citas: o partido da Liga Guerreiras Iberdrola de mañá (19 horas) e a volta dos cuartos de final da EHF European Cup do domingo.

Porén, pode máis o cansazo ou a ilusión de por fin poder encadear varias competicións sen sobresaltos? "É algo que todo o mundo quere", afirma José Ignacio Prades, técnico da escuadra do sur do país. "O que máis gusta é  xogar, o de adestrar sen competir non é reconfortante, polo que esta fase é moi boa para nós, e estamos preparadas desde decembro e xaneiro", engade.

Na súa opinión, a chave estará en saber "xestionar o cansazo e agardar que as xogadoras se vaian recuperando dos golpes", en referencia á evolución dalgunhas pezas importantes que permanecen mancadas, como Sandra Santiago, que sufriu unha escordadura en Ucraína.

Nada máis rematar regresarán de Valladolid no mesmo día para aproveitar o tempo co obxectivo de prepararse para o vital compromiso do domingo ante o HC Galychanka (19 horas, A Sangriña), no que se xogan o pase á seguinte rolda da EHF European Cup.

Gran vitoria do Porriño

O Conservas Orbe Rubensa Porriño e o Club Balonmano Mordreve, dous rivais directos na zona baixa da clasificación, recuperaron un partido da xornada novena adiado no seu momento a causa dun gromo de Covid-19 no cadro do sur do país.

Afortunadamente para os intereses galegos, a vitoria recaeu pola mínima no Balonmán Porriño, que se impuxo por 20-21 tras protagonizar unha gran remontada, pois chegou a perder por cinco goles de desvantaxe.

De feito, non foi até o ecuador da segunda metade cando reaccionou o Porriño, polo que os minutos finais foron de máxima tensión. Cun gol de Mónica Soares, o Conservas Orbe púxose por diante (20-21), obrigando a adestradora local a pedir un tempo morto para organizar unha última xogada na procura do empate, pero Fátima Ayelén logrou parar ese lanzamento, certificando o triunfo galego.

Comentarios