Guardés e O Porriño queren volver á senda da vitoria na Liga Guerreiras

Granollers e Tenerife, rivais dos conxuntos galegos
O Porriño quere o desquite da última derrota. (Foto: Balonmán O Porriño).
photo_camera O Porriño quere o desquite da última derrota. (Foto: Balonmán O Porriño).

Mañá volven á acción os dous representantes galegos na Liga Guerreiras Iberdrola, a máxima categoría do balonmán estatal, e regresan co obxectivo común de recuperar a senda da vitoria despois dos seus tropezos a pasada fin de semana.

O primeiro en saltar á pista será o Conservas Orbe Rubensa Balonmán O Porriño, concretamente ás 16.30 horas no Palau D'Esports para tratar de superar un rival directo na zona media da táboa como é o Granollers, que conta con 11 puntos por 10 da escuadra do sur da Galiza.

Un triunfo en terras catalás sería balsámico tamén para fechar as feridas da derrota ante Caixa Rural Aula Valladolid na fase previa da Copa da Raíña, algo que o técnico porriñés, Ismael Martínez, definiu como "un pau durísimo". Para el, as consecuencias da eliminación copeira é "a incerteza" de non saber como se recuperarán "do golpe" recibido ante a escuadra pucelana. "Temos a sensación de que deixamos escapar gran parte dos obxectivos da tempada en 15 minutos despois de estar 105 minutos da eliminatoria facendo as cousas ben", apostilou. Xa que logo, para el "primeiro toca esquecerse do mazazo", e para iso nada mellor que un choque co Granollers que ve "máis mental que físico".

Tenerife, rival idóneo para que o Guardés volva gañar

Máis doado para sumar os puntos, polo menos sobre o papel, terao un Mecalia Atlético Guardés que recibe ás 20.30 horas Balonmán Salud Tenerife.

As diferenzas son importantes entre ambos os equipos, tal e como reflicte a clasificación, pois a pesar de que as xogadoras da Guarda só foron quen de gañar un partido dos últimos catro que disputaron, acumulan 15 puntos, en contraposición aos modestos dous do Tenerife, penúltimo clasificado.

Comentarios