Guardés e O Porriño, derbi galego na Liga Guerreiras

Máximo respecto entre rivais directos para o encontro que decorrerá esta cuarta feira no Pavillón da Sangriña. 
O Atlético Guardés gañou ao Valladolid na última xornada (Foto: Nós Diario):
photo_camera O Atlético Guardés gañou ao Valladolid na última xornada (Foto: Nós Diario):

Volve o derbi galego á Liga Guerreiras. Esta cuarta feira ás 20.45 horas no Pavillón da Sangriña enfrontaranse dous rivais directos: o Atlético Guardés e o Balonmán O Porriño. A xornada 18 adiántase e as do Baixo Miño tentarán facer valer que hai máis de dez anos que non perden contra o seu rival na casa.

O Guardés, no último partido, enfrontouse ao Valladolid e as galegas impuxéronse con contundencia por 27-15 para quedar sextas na clasificación con 17 puntos e catro vitorias consecutivas.

Pola súa parte, o Balonmán O Porriño, na última xornada, xogou en casa ante o Granollers conseguindo a vitoria de forma clara por 26-18. O conxunto dirixido por Isma Martínez está situado cuarto na clasificación, cun total de 21 puntos. 

Con respecto a este partido, Martínez segue a ser consciente da delicada situación na que se atopa o seu equipo por mor das lesións. “Afrontamos o partido como o de Granollers, en tres días non nos dá para recuperar a demasiada xente”.

Por esta razón, o adestrador do Porriño apunta cara un “novo sistema defensivo que sexa eficiente”. Xa coa mente no derbi, conclúe que “temos que expor un partido moi similar ao da primeira volta, con poucos goles e onde as defensas sexan primordiais porque é onde nós estamos máis cómodas”.

Partido competitivo

Por parte guardesa, a adestradora portuguesa Ana Seabra recoñece que o seu equipo está “en bo momento” e que “poida que sexa o mellor da tempada”, mais tamén destaca a gran dificultade que supuxo alcanzar estas catro vitorias consecutivas. “É moi duro gañar”, expresa horas antes do derbi. 

“Esperamos un partido intenso, competitivo e difícil. Somos conscientes de que O Porriño está a facer unha tempada moi boa e ten ganas de continuar así”, apunta a técnica de Águeda, que anima á afección guardesa a encher A Sangriña para empuxar cara á vitoria. 

“Será un duelo moi emotivo”, vaticina a adestradora portuguesa, “mais traballamos cos obxectivos moi definidos e iso fainos estar convencidas de que non imos encarar o derbi pola parte emocional, senón, por encima de todo, co foco posto sobre as facetas do xogo que queremos seguir potenciando agora e de fronte ao futuro”, sostén Seabra.

Comentarios