Atlético Guardés e Balonmán Porriño coliden contra senllos rivais directos

Málaga e Elxe poñen a proba o nivel galego.
O Balonmán Porriño terá un duro rival no Visitelxe.com (Foto: Xoel Gil).
photo_camera O Balonmán Porriño terá un duro rival no Visitelxe.com (Foto: Xoel Gil).

A Liga Guerreiras Iberdrola, a máxima categoría do balonmán a nivel estatal, regresa mañá con dous compromisos moi duros para ambos os representantes da Galiza: Balonmán O Porriño e Atlético Guardés.

Os primeiros reciben ás 11.30 horas de mañá no Pavillón Municipal o Elxe, choque que ademais será retransmitido por Teledeporte. A pesar de que levan sen disputar un só encontro desde o mes de novembro, as xogadoras ilicitanas contan con cinco partidos gañados, un empate e catro derrotas, polo que suman un total de 11 puntos e ocupan o oitavo posto na táboa, xusto por enriba do Conservas Orbe Rubensa Balonmán O Porriño.

Ismael Martínez, primeiro adestrador da escuadra galega, resaltou a grande importancia que ten este duelo: "É un partido que é chave para saber cara a onde mirar, porque no caso de poder sacar os puntos pasariámolas na clasificación".

O Atlético Guardés busca o segundo posto da táboa

Unhas horas máis tarde, concretamente ás 18.30, arrancará no Polideportivo Cidade Xardín o Costa del Sol Málaga-Atlético Guardés. Trátase dun enfrontamento fundamental para os intereses do conxunto galego, pois a día de hoxe ocupa a quinta posición con 15 puntos e a formación andaluza está empatada no segundo posto con Rocasa Gran Canaria e Unicaja Banco Xixón no segundo chanzo da clasificación e 16 puntos.

Por outra parte, o Atlético Guardés fixo pública a incorporación da portuguesa Ana Carolina Silva, que chega procedente do Alavarium do país veciño. Capaz de actuar en calquera das tres posicións da primeira liña, Silva, de 24 anos e 1,76 de altura, acumula nove internacionalidades coa selección de Portugal.

Comentarios