O Guardés perde ante o líder a súa condición de invicto na casa

As do sur do país caen co Bera Bera por 26-33
O cansazo foi un factor vital. (Foto: Sportcoeco)
photo_camera O cansazo foi un factor vital. (Foto: Sportcoeco)

Dúas brasileiras, dúas Fernandes. Elas foron a lanza e o escudo do Bera Bera na Sangriña para inflixir ao Mecalia Atlético Guardés a súa primeira derrota ligueira en casa da tempada.

Mariane en ataque, con oito goles, e Alice na portería, con 12 paradas, foron un auténtico pesadelo para as xogadoras locais, que pagaron os seus malos comezos de ambos os tempos, lastres insuperábeis contra un líder da Liga Guerreiras que aproveitou os minutos finais para distanciarse definitivamente no electrónico.

Con todo, os problemas comezaron xa tras o asubío inicial, pois en apenas dous minutos as xogadoras dirixidas por José Ignacio Prades concederan tres goles, un escenario que aumentou a dificultade da xa de por si complicada empresa de superar un dos mellores equipos do mundo.

Isto obrigou o técnico local a realizar numerosos axustes, e a partir de que a defensa 6:0 comezase a carburar o Bera Bera pasou a ceder perdas e faltas en ataque que permitiron que o Guardés se achegase.

En parte tamén grazas a unha inspirada Míriam Sempere, que relevou Carratú mediado o primeiro acto para achegar varias paradas de mérito.

Pero, como se fose imposíbel alcanzar o empate, cada vez que lles estaban a piques de igualar o marcador, as guipuscoanas dalgún modo conseguían distanciarse de novo.

Até por dúas veces chegou a estar o Atlético Guardés a un só tanto, a última nos compases finais dun primeiro parcial que rematou 14-16.

No segundo tempo, a irrupción do cansazo comezou a pasar factura á escuadra galega, algo que aproveitou o Super Amara Bera Bera, quen cheirou sangue e sen piedade aproveitou a oportunidade de fechar o partido e quedar cos dous puntos da man de Mariane Fernandes.

Comentarios