O Guardés estréase fronte ao Aula co Bera Bera como rival a bater na Liga

O Porriño recibe este sábado ao Zuazo, un rival directo.
guardes1
photo_camera Un momento do último partido contra o Aula (Foto: Nós Diario)

A Liga Guerreras Iberdrola bota a andar esta fin de semana, cos dous representantes galegos partindo con obxectivos diferentes, mais igualmente cargados de ilusión. Para o equipo porriñés foi especialmente importante a recente vitoria sobre o guardés (27-28) na Supercopa galega, que lles dá un plus de enerxía neste comezo de campaña.

O Atlético Guardés quere pasar páxina axiña desa inesperada derrota, e poderá facelo esta sexta feira mesmo no encontro que inaugura o campionato ligueiro. Será a partir das 21 horas (retransmitido por Teledeporte) na cancha do Aula Valladolid, outro dos equipos que deixaron unha espiña chantada nas xogadoras de José Ignacio Prades. O 14 de agosto derrotouno 22-20, mais nun segundo enfrontamento, no Memorial Alfonso Rodríguez, perdeu 31-26.

As lesións xogaron en contra do Atlético Guardés na pretempada, mais de cara ao partido desta sexta feira Prades conta con todas as xogadoras dispoñíbeis, agás Hannah Nunes, que segue a recuperarse dunha escordadura de xeonllo. Nazaret Calzado, que non puido participar en ningún dos dous compromisos da pasada fin de semana, xa está lista para se estrear oficialmente coa camiseta do Guardés. Tamén podería debutar a xuvenil Yaiza Alonso, de tan só 17 anos, que entrou na convocatoria.

En fronte estará un equipo valisoletano que demostrou estar máis que capacitado para loitar polos postos altos da táboa clasificatoria. Alá arriba de todo quere acabar este ano a tempada o conxunto da Guarda tras o subcampionato do ano pasado. De novo o Bera Bera vasco, que suma sete títulos en nove tempadas, será o máximo rival a bater. Mais Prades insiste: "O equipo está preparado". 

Baixas en defensa

O Porriño deberá agardar ás 18 horas do sábado para se estrear na Liga Guerreras Iberdrola. Será no municipal porriñés, ante o Conservas Zuazo Barakaldo, un rival directo pola salvación na campaña pasada.

Na actual, as de Ismael Martínez aspiran a loitar por meterse entre os primeiros postos da clasificación. E a conquista da Supercopa é a proba de que poden chegar a todo este ano. "As sensacións son moi boas", asegura Martínez.

O Porriño chega con só dúas baixas a este encontro, mais dúas baixas moi importantes na zona central da defensa: Inés Hernández e Andrea Amarilla.  En fronte terán un equipo moi perigoso en ataque, cunha Anne Erauskin que "é do mellorciño da Liga no extremo dereito", di Martínez.

O partido será retransmitido na canle de YouTube do club.

Comentarios