O Guardés afronta en Andalucía o reto da conquista da Copa da Raíña de balonmán

As pupilas de José Ignacio Prades debutan en cuartos de final co Valladolid
O técnico do Atlético Guardés, José Ignacio Prades, dando instrucións durante un adestramento. (Foto: Coeco Creative).
photo_camera O técnico do Atlético Guardés, José Ignacio Prades, dando instrucións durante un adestramento. (Foto: Coeco Creative).

Non resulta complicado escoitar pola rúa, ou ler nun xornal deportivo calquera, expresións de alento referidas a equipos e deportistas tan tópicas como "á terceira vai a vencida" ou "non hai quinta mala". Mais, hai algunha para un oitavo intento?

A min non me consta, e de ser así habería que ir inventando algunha, pois mañá o Atlético Guardés inicia a súa oitava participación na Copa da Raíña e toda A Guarda -e o balonmán galego- estarán apoiando este novo intento das pupilas de José Ignacio Prades de facerse co prezado trofeo.

O torneo botará a andar ás 12.15 horas de mañá na sede única do Polideportivo El Limón, na pintoresca localidade andaluza de Alhaurín de la Torre, popularizada entre o gran público por acoller o centro penitenciario no que anos atrás pasou unha temporadiña Isabel Pantoja. 

A quenda do equipo galego será ás 15.30 horas, e a diferenza do acontecido co partido inaugural -entre Super Amara Bera Bera e Visitelche.com- e o que se disputará ás 18 horas entre Rincón Fertilidad de Málaga e Rocasa Gran Canaria, non será retransmitido por Teledeporte, a canle deportiva de Televisión Española, privando á afección galega da oportunidade de seguir o encontro na pequena pantalla.

Un clásico contemporáneo

O rival do Atlético Guardés será Aula Alimentos de Valladolid, o seu "vello peor amigo", como poderían dicir nunha película de acción calquera, pois as pucelanas foron as verdugas das galegas na Challenge Cup no mes de marzo e as súas derradeiras rivais antes da irrupción da pandemia da Covid-19.

Ademais, na preparación desta Copa da Raíña disputaron dous encontros amigábeis, caendo un do lado do Guardés (31-21) e outro do Alimentos de Valladolid (29-25). Non hai favorito, polo tanto, nun encontro que o preparador do conxunto galego, José Ignacio Prades, afronta con "ilusión e nerviosismo".

"Miguel Ángel Peña -o técnico do Aula Alimentos de Valladolid- realizou un traballo excepcional, creando un grupo novo, aguerrido e moi competitivo no que destaca xente como Elba Álvarez ou Amaia González de Garibay", analiza Prades.

Non obstante, o adestrador valenciano ve as súas xogadoras "preparadas" para un reto no que "nada vai ser normal, pois non van poder nin saír a estar con outras compañeiras, pero hai que adaptarse".  

O seu obxectivo será, a maiores, "buscar solucións" que contrarresten as importantes baixas de xente como África Sempere, Razza, Rosario Urban ou Cristina Barbosa, que poden afectar as opcións de que, esta vez si, no oitavo intento o Atlético Guardés conquiste a Copa da Raíña.

Comentarios