"Grazas": recepción en Pontevedra e Lugo aos atletas paralímpicos en Toquio 2020

Actos de "homenaxe e agradecemento" nas sedes das Deputacións.
Visita de Adi Iglesias ao Pazo de San Marcos
photo_camera Recepción, esta cuarta feira no Pazo de San Marcos de Lugo, a Adi Iglesias (Foto: Nós Diario)

As Deputacións de Pontevedra e de Lugo deron a benvida, con todos os honores, aos representantes galegos nos Xogos Paralímpicos de Toquio 2020. Foi en senllos actos desenvolvidos esta cuarta feira, coa presenza dos protagonistas e de representantes institucionais.

Sodes "as verdadeiras heroínas e heroes desta sociedade. Sodes o mellor que temos [...] Facedes que o imposíbel se converta nunha realidade", manifestaba a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva.

O recibimento tivo lugar na Sala Rosalía da sede viguesa do ente, cun "Grazas" xigante presidíndoa en homenaxe e agradecemento aos dez deportistas dos concellos pontevedreses (dos 16 da expedición galega) que participaron nos Xogos. No acto proxectouse un vídeo de presentación dos atletas. 

Silva salientou o "enorme sacrificio" que hai detrás destes deportistas e amosou a súa admiración por todas as persoas que practican deporte. Tamén fixo un recoñecemento especial ao papel das mulleres no deporte, "que o teñen moito máis difícil", e destacou os que levan xa varias paralimpíadas ás costas, como é o caso do vigués Chano Rodríguez.

O nadador sinalou que "chegar aquí non só e un esforzo físico, senón económico, e Galiza e Pontevedra están a avanzar a pasos axigantados neste senso". Coincidiu Gustavo Nieves, diploma en atletismo: "Falando con outros compañeiros démonos conta de que o apoio que recibimos aquí e maior que o doutros sitios". 

Susana Rodríguez, medalla de ouro en tríatlon e diploma en 1.500 metros, recalcou o papel da figura dos deportistas de apoio, reclamando que "se vaia tratando por igual, porque sen eles, as persoas con diversidade funcional visual non poderíamos adestrar".

Referente deportivo galego

Tamén en Lugo, a vicepresidenta da Deputación e o deputado de Deportes recibiron hoxe no Pazo de San Marcos a atleta lucense Adiaratou Iglesias, campioa paralímpica de 100 metros lisos e subcampioa de 400.

A recepción de Maite Ferreiro e de Efrén Castro repítese tres meses despois da anterior, daquela polos éxitos conseguidos no Campionato de Europa. "As medallas na cita olímpica ratifican a Adi Iglesias como unha das grandes referentes do deporte feminino en Galiza", afirmou Ferreiro.

Iglesias estivo acompañada polo seu adestrador Adolfo Vila, veterano na formación de velocistas en Lugo. "Queremos pór en valor o esforzo e a constancia que require chegar ao máximo nivel competitivo e tamén a importancia de clubs e estruturas de base que faciliten o acceso ao deporte e acompañen e apoien as atletas no seu crecemento", afirmou. 

Comentarios