O gran teatro do fútbol profesional bota a rodar

Apenas dous meses e medio despois da finalización da pasada Liga arranca unha nova tempada na que, de novo, o Celta e o Lugo serán os representantes da Galiza na Primeira e a Segunda División. Os celestes reciben a visita do vixente campión, mentres que os lucenses desprazaranse até Asturias para xogar contra o Real Oviedo.
O presidente Mouriño puxo Denis Suárez no punto de mira logo de facer públicas as súas diferencias a causa do caso 'Bryan Bugarín'. (Foto: EP).
photo_camera O presidente Mouriño puxo Denis Suárez no punto de mira logo de facer públicas as súas diferencias a causa do caso 'Bryan Bugarín'. (Foto: EP).

A Liga de Fútbol Profesional (LFP) arranca mañá domingo para os representantes galegos na Primeira e na Segunda División, que un ano máis serán o Real Club Celta de Vigo e o Club Deportivo Lugo, respectivamente.

Esta nova edición dunha competición que en 1996 pasou a ser coñecida como 'A Liga das estrelas' polo feito de integrar os mellores equipos e xogadores do planeta, como Ronaldo, Rivaldo, Raúl, Pantic, Mijatovic, Bebeto, Finidi, Suker, Mostovoi, Roberto Carlos, Blanc ou Stoichkov, confirma a decadencia dun torneo en caída líbre desde a chegada de Javier Tebas á presidencia da LFP no ano 2013.

25 anos despois, a Premier League inglesa, o renacido Calcio italiano, a Bundesliga xermana e mesmo a Ligue 1 de Francia, logo das fichaxes por parte do PSG de Messi, Sergio Ramos ou Donnarumma, están por diante da Liga en canto a interese, calidade e competencia dos encontros, así como nun 'star power' do que carece completamente a competición anteriormente coñecida como 'A Liga das estrelas'.

As cifras son demoledoras: até o de agora os 20 clubs de Primeira investiron 127 millóns de euros en fichaxes, tres veces menos que o verán pesado, cifra que practicamente superou o Manchester City de Guardiola coa incorporación de Jack Grealish,  polo que pagaron 116 millóns.

Tebas trata de revertir esta situación cun plan que inclúe a venda de 11% do negocio audiovisual da Liga ao fondo CVC, aprobado polo conxunto dos equipos -incluídos Celta e Lugo- coa excepción de Real Madrid, Barcelona, Athletic de Bilbao e Real Oviedo, que se desmarcaron por considerar o acordo unha "hipoteca a 50 anos", e "pan para hoxe e fame para mañá", pois un equipo que agora reciba 130 millóns, deixaría de percibir canto menos 1.130 millóns no tempo de vixencia dun acordo do que Javier Tebas é o principal beneficiado, pois pasa a ocupar de modo vitalicio a presidencia de LaLiga HoldCo., a nova empresa que xestionará todos os negocios da patronal do fútbol. 

Nin un verán sen incendio

A pouco máis de 48 horas para a estrea ligueira do Celta ante o Atlético de Madrid, prevista para as 17.30 horas de mañá en Balaídos, o presidente celeste, Carlos Mouriño, ofreceu unha rolda de prensa na que cargou contra un dos activos principais do club, Denis Suárez, ao que acusou publicamente de antepor os seus intereses persoais aos do club, en referencia á polémica xestión de Intermedia Sport Player -a axencia da que son socios tanto o centrocampista como Iago Aspas- na marcha do prometedor canteirán Bryan Bugarín ao Real Madrid no pasado mes de xullo.

Esta polémica desvía o foco sobre o eido estritamente deportivo, no que partirán como titulares dúas das novas fichaxes -Dituro na portería e Javi Galán no lateral esquerdo- e, previsibelmente, tamén o propio Denis, aínda que Mourinho deixou claro que "se continúa co mesmo representante nunca negociaremos un novo contrato, e a xente sabe que cando un xogador non renova, no seu último ano de contrato ten difícil xogar no Celta".

Gañar para espantar pantasmas do pasado

Un bo comezo de tempada sempre é importante para tratar de non pasar apuros no tramo final do campionato, e iso é o que quere conseguir o Club Deportivo Lugo superando mañá ás 19.30 o Real Oviedo no Carlos Tartiere.

Os asturianos non serán unha presa fácil, pois baixo o mando dun adestrador de ampla experiencia como o Cuco Ziganda, e co recentemente incorporado Borja Bastón como gran estrela, porán a proba a estratexia dun Rubén Albés que terá que integrar organicamente moitas pezas novas sen apenas tempo de rodaxe nos adestramentos.

Comentarios