Unha grande oferta económica deixa o Breogán sen Olmos

O técnico cambia os lucenses, que loitan por entrar en Copa, polo penúltimo clasificado da ACB.
Paco Olmos percibirá en Burgos "moito máis que o triplo" do que viña cobrando en Lugo. (Foto: Leite Río Breogán).
photo_camera Paco Olmos percibirá en Burgos "moito máis que o triplo" do que viña cobrando en Lugo. (Foto: Leite Río Breogán).

O refraneiro galego, sempre tan rico, di que "o diñeiro é o amo do mundo enteiro", ou, noutra frase aínda máis evocadora, "se o corazón fose de aceiro, non o vencía o diñeiro". Que llo pregunten senón a Paco Olmos, técnico do Leite Río Breogán, que podendo escoller loitar por facer historia e clasificar para a  Copa un equipo que acaba de ascender á máxima categoría -algo que ten ao alcance da súa man-, preferiu baixarse do barco prematuramente e asinar polo penúltimo clasificado, un San Pablo Burgos que acaba de cesar o seu terceiro adestrador no que vai de campaña.

Loxicamente, a única explicación para esta decisión deportivamente tan inexplicábel son os cartos. Tal e como recoñeceu o seu axente, Moisés Cohen, percibirá "moito máis do triplo" que vén cobrando en Lugo. 

O valenciano tratou de xustificarse nun comunicado publicado nos seus perfís nas redes sociais recoñecendo que o baloncesto é "unha profesión". "Non agardo que me entendades, iso é complicado e non estou en posición de esixirvos nada -engadiu dirixíndose á súa xa ex afección-, pero polo menos aspiro a que o comprendades [...]. Son un profesional e debo mirar pola miña carreira e polo que é mellor para a miña familia a longo prazo".

A directiva da entidade celeste reaccionou a través do seu director xeral, Tito Díaz, quen manifestou a súa "dor", mais tamén fixo un chamamento a "pasar páxina", pois "o Breogán é moito máis que unha persoa".

Con respecto ao seu substituto, Tito Díaz non quixo dar ningún nome, mais afirmou ter o desexo de contar "cun perfil de adestrador moi claro" que tome o relevo de Olmos e trate de evitar que este gran pau afecte á loita por entrar na Copa.

O Ensino despide Ortega

E se o técnico do Breogán marcha por propia vontade, o preparador do outro gran equipo de baloncesto da cidade, Durán Maquinaria Ensino, foi destituído. Deste modo, Miguel Ángel Ortega non continuará á fronte dun dos dous conxuntos lucenses na elite do básquet feminino estatal, collendo a remuda provisionalmente Fernán Varela.

A outra escuadra do país na Liga Endesa, o Baxi, non perdeu o adestrador, pero si o encontro contra Campus Promete (86-75), deixando escapar o partido no segundo cuarto logo de ir por diante no primeiro parcial.

Comentarios