sábado 27/02/21

Un gran Celta xa gaña tamén no último minuto e apunta a Europa

O conxunto vigués derrota ao Elxe ao bordo do asubío final grazas a un tanto de Nolito que confirma aos celestes como unha das sensacións do que vai de Liga.

Celta
celta-crop

Un magnífico desmarque, un pase ao oco e o gol que supuxo a forma perfecta de comezar a xornada, que xa rematara de xeito inmellorábel para o Celta, que apenas catro días despois de vencer no derbi contra o Dépor puxo o ramo á semana sumando tres puntos (0-1) grazas ao tanto no último minuto de Nolito no campo do Elxe, que fixo xustiza a un conxunto vigués que segue a mirar cara o alto da táboa, xa convertido -por xogo e tamén por puntos- nunha das sensacións do comezo da Liga.

Das poucas eivas que se lle viron ao Celta neste arrinque de tempada, unha foi a de non pechar os encontros e perder folgos nas rectas finais. Nada diso foi visíbel no campo alacantino, onde o xogadores de Berizzo amosaron afouteza até o final -tamén en defensa, co porteiro Sergio de novo insuperábel- e mesmo teimaron na procura da meta adversaria até acadar o tanto dun Nolito que chama a metas enormes, seguramente porque estivo acompañado dun once que non se conformaba co cómodo empate, senón que ten mirada longa: a que se está gañando un Celta que transmite ilusión. E suma puntos até os postos europeos.

comentarios