O Gran Camiño inicia o seu reto de 2023

A proba ciclista galega do calendario UCI Europa comeza esta quinta feira en Lugo.
A segunda etapa de O Gran Camiño terá o seu final no castro de Santa Trega, no municipio da Guarda, Baixo Miño (Foto: O Gran Camiño)
photo_camera A segunda etapa de O Gran Camiño terá o seu final no castro de Santa Trega, no municipio da Guarda, Baixo Miño (Foto: O Gran Camiño)

O ciclismo galego e a afección que siga as tradicionais probas por estrada teñen a partir desta quinta feira, e durante catro días, unha cita galega: O Gran Camiño. A recuperación no país en 2022 da “volta” por etapas non podía comezar mellor, con espectaculares percorridos e un final moi disputado que gañou en febreiro o ciclista Alejandro Valverde.   

A idea de traer de novo á Galiza o mellor ciclismo internacional por terras galegas foi do ex ciclista profesional, Ezequiel Mosquera. Consciente de que a Volta á Galiza non é algo orixinal -naceu en 1933- o ciclista de Teo pensou que se tiña que recobrar o espírito que tantas satisfaccións deu a este deporte. “Sabiamos que non era fácil, foron ocupando o oco outras probas e tivemos a sorte de que o ano pasado foi satisfactorio”, explica a Nós Diario

Madurado na pandemia

Mosquera aproveitou a súa experiencia ciclista, e o feito de traballar cunha empresa deportiva, para madurar durante a pandemia a maneira de rexurdir esta competición nos tempos actuais.

“O ciclismo ten moita aceptación hoxe en día a nivel popular e xera grandes audiencias, polo que vai máis alá do deporte en si”, sinala, “tes durante dúas horas diarias unha xanela de promoción do territorio”, engade.   

Etapas temáticas

“Buscamos temas para perfilar os percorridos das etapas, procuramos o espectáculo e a orografía, sempre cunha historia que contar”, sinala Mosquera. Por ese motivo a saída de hoxe, denominada "A pegada romana", comezará na Muralla de Lugo para despois pasar por tres Camiños diferentes e rematar no Francés, desde Samos até Sarria, na súa comarca, pola variante para bicicletas 'Eurovelo'.

Mañá, a proba, co nome de "A orixe da Galiza", trasládase até Tui, no Baixo Miño, para seguir o Camiño Portugués, arrodear a península do Morrazo e volver até A Guarda con final nunha ascensión de segunda categoría ao Monte Trega polo empedrado do seu Via Crucis.

Para o sábado está prevista a etapa "A forza dun pobo" coa que se pretende homenaxear a veciñanza da comarca de Valdeorras que loitou contra os incendios forestais no verán de 2022.

Por este motivo, os ciclistas percorrerán as localidades de Santa Mariña do Monte (Ourense), A Veiga de Cascallá e Castelo (en Rubiá). A meta estará situada no Parque Natural da Enciña da Lastra, tamén en Valdeorras.

O Gran Camiño 2023 rematará nunha dura e revirada contrareloxo na Praza do Obradoiro, en Compostela. Con saída en Novo Milladoiro, Teo (punto de paso do Camiño Portugués) e despois de salvar a dificultade orográfica do Alto do Montouto, os segundos estarán en xogo a través das rúas do casco vello da capital, por onde entra o Camiño da Vía da Prata até a Catedral.

Dezaoito equipos

Para esta edición, O Gran Camiño confirmou a presenza do Jumbo, con Jonas Vingegaard, último gañador do Tour, á fronte. Ademais, participarán equipos como o Astana Qazaqstan Team (que ten como líder a Andrey Lutsenko), o Cofidis ou o gañador de 2022, o Movistar.

De novo, os equipos profesionais portugueses tamén contarán con representación na proba galega, neste caso repiten os do ano pasado e incorpórase o Tavfer-Ovos Matinados-Mortágua de Ángel Sánchez.

Esta mesma  semana sumouse o Electro Hiper Europa, único equipo español en categoría Continental, para completar a nómina de 18 equipos participantes.

Comentarios