'O Gran Camiño' incorpora novos equipos nesta edición

Carlos Canal liderará o Euskaltel-Euskadi na proba O Gran Camiño que comezará o 23 de febreiro. Ademais, participarán equipos da Pro estatais como Burgos BH, Kern Pharma e Caixa Rural.
Euskaltel-Euskadi estará na Galiza con Carlos Canal (Foto: EE).
photo_camera Euskaltel-Euskadi estará na Galiza con Carlos Canal (Foto: EE).

A poucos días de que comece a proba ciclista O Gran Camiño, que percorrerá as estradas galegas entre o 23 e o 26 de febreiro, comezan a confirmarse os equipos e deportistas que participarán.

Alén de grandes nomes internacionais, a cita contará na saída con catro equipos de categoría Pro estatais: Euskaltel-Esukadi, Caixa Rural, Burgos BH e Kern Pharma

Así, o Euskaltel-Euskadi chegará a Galiza tras un forte arranque de tempada. Na Challenge de Mallorca resaltaron Antonio Jesús Soto e o galego Carlos Canal.

Por este motivo, o corredor da Limia encabezará o equipo vasco nesta edición, tras ser sexto e sétimo en senllas carreiras da proba mallorquina. 

Por parte dun clásico do pelotón como é o Caixa Rural, estarán o velocista venezolano -e campión tanto en ruta como na contrarreloxo– Orluis Aular, e o regular Fernando Barceló, sexto e oitavo na Challenge de Mallorca e na primeira etapa da Volta a Valencia.

Outro dos equipos, o Burgos BH, tamén demostrará que iniciou con bo pé 2023, grazas ao segundo posto de Pelayo Sánchez na Challenge. No seu cadro de persoal figuran corredores veteranos como Jetse Bol e Dani Navarro, así como o recentemente fichado do Aluminios Cortizo, Eric Fagúndez. 

Por último, o Kern Pharma, tras a súa brillante actuación o pasado ano, volve á proba galega disposto a ser protagonista da carreira. Na lembranza aínda está a primeira edición na que situou a Urko Berrade e Aitor Arrieta entre os dez primeiros.

Desta vez, conta con novos valores como o campión de España de contrarreloxo, Raúl García Perna, ou Roger Adriá. Nesta campaña sumaron experiencia ao cadro de persoal co ex do Movistar, Íñigo Elosegi 

Nomes internacionais

Desde a organización tamén confirmaron a presenza de varios nomes do ciclismo profesional internacional.

É o caso da participación do Jumbo-Visma, equipo que finalizou 2022 primeiro na clasificación da Unión Ciclista Internacional, que estará capitaneada polo campión do Tour de Francia, Jonas Vingegaard.

Ademais, estarán na rolda galega os corredores do Team Movistar e estrearase o Astana Qazaqstan Team. Outros grupos foron os italianos Eolo Kometa, de Iván Basso e Alberto Contador, e o emerxente Team Corratec.

Comentarios