Entrevistamos o adestrador do COB Ourense

Gonzalo García: "Todos os equipos imos ter casos de coronavirus salvo que nos illen como na NBA"

Tempos de cambio, até no nome, dun Club Ourense Baloncesto que foi rebautizado comercialmente como Ibereólicas Renovables. Mais se algo permanece inmutábel é a figura do incombustíbel  técnico vasco Gonzalo García de Vitoria (Bilbao, 1971), quen desde o ano 2013 dirixe este conxunto da LEB Ouro.
O preparador bilbaíno, dando instrucións durante un tempo morto. (Foto: Carlos Domarco).
photo_camera O preparador bilbaíno, dando instrucións durante un tempo morto. (Foto: Carlos Domarco).

—O equipo luciu moi ben na súa estrea ante o Valladolid, mesmo con puntuais momentos brillantes de xogo, pero nos últimos minutos curtocircuitou e perdeu un partido que tiña gañado. Que pasou?

É verdade que fixemos un moi bo partido durante 37 minutos e medio, pero nos últimos momentos, quizais por ser o primeiro partido, a falta de experiencia, a precipitación e o nerviosismo levounos a cometer perdas de balón que se transformaban en canastras fáciles que nos provocaron unha ansiedade extra, e iso moitas veces produce un medo que te curtocirtuíta. 

—Os comezos de tempada sempre son complexos, mais postos a escoller, mellor padecer unha situación como a de Valladolid nas primeiras xornadas da liga que nas últimas?

Os momentos nunca son bos ou malos, son bos se aprendemos das cousas. Se este partido serviu para aprendermos que cando as cousas se poñen mal hai que estar máis agresivos en defensa, con máis concentración, e sen precipitarnos, pois fenomenal. Pero se logo volve acontecer unha situación de ir 10 puntos arriba a falta de 10 minutos e perdemos, pois non serviría de nada. De todos modos, o público axudoulles moito neses intres finais. Nós este sábado xogaremos sen xente e non teremos esa enerxía extra, que tamén a necesitamos. Ademais, nas últimas accións, hai faltas sobre Nacho Martin e Adonys Henríquez, aínda que non estou dicindo que perdésemos por iso. 

—Por buscar un punto positivo, a irrupción de Adonys Henríquez desde o exterior, con 17 puntos e 3/5 nas triplas xerou ilusión na afección. Satisfeito co dominicano?

Si, estivo moi ben. É un xogador que ten que ser unha referencia nosa a nivel de anotación. E é certo que leva só unha semana de adestramentos, pero xa mostrou que ten facilidade para meter puntos e que non é un xogador especialmente egoísta. Iso foi o que me gustou, pero atrás estivo máis frouxo do que debe estar, quizais por cansazo.

—O próximo rival é o Destino Palencia, no caso de que finalmente se poida disputar, pois o veciño Breogán viu o seu partido aprazado por casos positivos de Covid-19 no Burgos. Tendo en conta que en Palencia a situación epidemiolóxica é mesmo peor que na capital burgalesa, ten medo polo que poida pasar?

Non, en absoluto. Penso que todos os equipos imos pasar por esta situación. En Burgos o que aconteceu foi que, xusto cando ían saír para xogar, un xogador deu positivo e logo, nas segundas probas que hai que practicarlle a todo o equipo, o adestrador tamén deu, así que tiveron que parar dez días. Vai ser algo normal ter un ou dous contaxiados. Internamente no equipo falamos bastante sobre iso, e aquí estamos facendo as cousas ben. Tamén os xogadores, intentando non facer parvadas, pero isto é algo incontrolábel, pois podes enfermar igualmente. A min cónstame que Jorge Elorduy, o adestrador do Burgos, non fixo nada anormal, e contaxiouse, porque en última instancia hai familias, relacións, traballos... e todo iso entraña un risco. O que temos que intentar é que, se nos contaxiamos, que sexa por algo alleo a nós, e non porque o buscásemos. A min non me preocupan os positivos no Palencia, preocúpame a calidade e o nivel dos seus xogadores.

—Dáme a impresión de que vive esta situación cunha resignación que noutras zonas do Estado definirían como "intrinsecamente galega", un "éche o que hai" que se di agora...

E que é a verdade, é unha realidade. Trátase de algo que non podes controlar, só intentar facer o posíbel para que non pase, intentando facer as cousas ben, sendo conscientes e consecuentes de que existe un virus perigoso que esixe certas normas como a hixiene ou o control das relacións. Logo vas a un campo como o do Valladolid o outro día, no que hai 2.000 persoas, ou a un hotel descoñecido, e podes contaxiarte, porque canto máis te moves máis complicado é controlalo todo. Para seguridade absoluta habería que facer unha burbulla como na NBA e iso é imposíbel.

—Con ou sen coronavirus, cal cre que é o obxectivo do COB Ourense para esta tempada? 

Primeiro, competir. Sendo realista coa situación do equipo, mais sen perder a ambición de chegar o máis lonxe posíbel. Aí está o exemplo do Valladolid, que cando se suspendeu a liga a falta de dez xornadas era primeiro. E nós en 2015 ascendemos sendo un dos orzamentos da metade de táboa. Eu non podo dicir que o obxectivo é meterse en play-off porque competimos nun grupo moi complicado, onde están tres dos cinco máximos favoritos ao ascenso.

Comentarios