Gómez Noya vence na Copa do Mundo de Cozumel (México) e Uxío Abuín ficou décimo

É a 14ª vitoria do ferrolán nunha Copa do Mundo. A proba realizouse sobre a distancia sprint: 750 metros de natación, 20 quilómetros de ciclismo e 5 quilómetros de carreira a pé.

O ferrolán Gómez Noya conquistou un novo triunfo para o triatlón galego, ao gañar a Copa do Mundo de Cozumel (México), unha proba onde outro galego, Uxío Abuín (de Lestrove, Dodro) foi décimo.

Gómez Noya suma así xa catro vitorias consecutivas e é o seu 14ª triunfo nunha Copa do Mundo. A que se desenvolveu en México esta fin de semana foi de distancia sprint (750 metros natación, 20 hm de ciclismo e 5 km de carreira a pé).

Segundo recolle Pontevedra Viva, Gómez Noya indicou ao remate da proba que "foi unha carreira moi dura porque ía moita calor aí fóra. Eu estaba morto na carreira. No último quilómetro tratei de aguantar e dalo todo nos últimos cen metros". O galego explicou que "estiven enfermo durante uns días esta semana, así que non estaba moi seguro do meu rendemento, pero estou contento de ter gañado". Desta forma, cunha nova vitoria remata Gómez Noya a súa tempada, que non puido ser mellor, coa consecución do título de campión do mundo 2013.

Na mesma participaron importantísimos triatletas a nivel internacional coma Steffan Justus, Dimitry Polyanskiy ou Crisanto Grajales.


 

Comentarios