Finalmente, o ferrolán Gómez Noya colgou a medalla de bronce no Campionato do Mundo de Medio Ironman, celebrado en Zell Am See-Kaprun (Austria). O resultado resultou toda unha xesta logo de que o atleta tivera que pasar dous días na cama por un virus que contraeu tras o tríatlon de Estocolmo da pasada fin de semana.
Gómez Noya trataba de defender o título conquistado o ano pasado no Canadá. O deportista galego sinalaba nas redes sociais que “non foi o meu mellor día”. Afirmou que se atopaba “sen enerxías desde o principio”. “Loitei e sufrín moitísimo para conseguir a terceira posición”, engadiu, para felicitar os compañeiros de Ironman 70.3.
Gañou a proba, que consistiu en 2 km de natación, 90 km de ciclismo e 21 km de carreira a pé, Jan Frodeno (Alemaña), seguido de Sebastian Kienle (Alemaña).