SEGUE DE LíDER PROVISIONAL

Gómez Noya, prata nas series mundiais de Tríatlon

Gómez Noya fíxose coa prata na sétima proba das Series Mundiais de Tríatlon, celebrada en Hamburgo, onde rematou de primeiro o francés Vicent Luis, cun tempo de 51:54. O galego chegou catro segundos máis tarde que o galo.

Gómez Noya
photo_camera Gómez Noya

Javier Gómez Noya logrou a segunda posición na sétima proba das Series Mundiais de Tríatlon, que se celebrou onte en Hamburgo, unha proba espectacular polo complexo e fermoso do percorrido. O galego, que estivo nas primeiras posicións dende o inicio, chegou ao último quilómetro xunto a Vicent Luis, pero o francés foi mellor no sprint final, segundo informa a Federación Galega de Tríatlon nun comunicado de prensa.

Gómez Noya saíu da auga detrás dos grandes especialistas na cuarta posición para evitar quedar cortado. Na segunda volta do ciclismo os dous grupos perseguidores agrupáronse e, a pesar do esforzo, non puideron reducir as distancias cos homes que lideraban a proba, entre os que destacaban Gómez Noya, os franceses Vincent Luis, Dorian Conix e Pujales, ou o surafricano Schoeman.

Na cabeza da proba, os nove triatletas traballaban correctamente, sabedores do importante que era chegar a T2 cuns segundos de vantaxe, tendo en conta que a proba de Hamburgo celébrase sobre a distancia sprint, polo que 20 ou 30 segundos poderían ser decisivos. Cando os líderes entraron na última transición con máis de 40 segundos de vantaxe sobre o segundo grupo, no que tiraba con forza Mario Mola, parecía claro que o triunfo que se decidiría entre eles.

Cando só quedaban por diante cinco quilómetros, Vincent Luis e Javi Gómez Noya deixaron claro que a vitoria sería cousa de dous. Ambos imprimiron un ritmo imposíbel de seguir para os seus compañeiros de escapada. Luis e Gómez Noya ían xuntos, facendo algúns intentos de ataque. Primeiro tentouno o galego, sen moita confianza xa que non tiña as mellores sensacións, e despois atacou dunha forma inapelábel o francés, que nos últimos trescentos metros fixo un alarde de forza.

Vincent Luis logrou o triunfo cun tempo de 51:54, mentres que Gómez Noya entrou a catro segundos e terceiro foi Mario Mola, que fixo unha carreira a pe espectacular (52:20). Fernando Alarza, do grupo de Alto Rendemento do Centro Galego de Tecnificación Deportiva, quedou descolgado dende o inicio e rematou na vixésimo novena posición (53:41).

As Series Mundiais contan este ano con dez probas: Abu Dhabi, Auckland, Gold Coast, Cidade do Cabo, Yokohama, Londres, Hamburgo, Stockholm e Edmonton e Chicago (a gran final). Para a clasificación mundial os deportistas suman os cinco mellores resultados. É obrigatorio participar na Gran Final, que ten unha puntuación moito máis alta.

Tras a disputa das sete primeiras probas do Mundial, Gómez Noya continúa como líder provisional, agora con 3.705 puntos, mentres que segundo clasificado é Mario Mola (3.374) e terceiro, Fernando Alarza (2.961), que non sumou puntos nesta carreira.

Comentarios