Gómez Noya, campión mundial do medio ironman

O galego Javier Gómez Noya vén de proclamarse este domingo, en Chattanooga (Tennessee, Estados Unidos), campión mundial do medio ironman por segunda vez na súa carreira deportiva, e comeza de forma inmellorábel a súa ‘semana fantástica’ na que ha buscar unha histórica dupla de títulos mundiais, logrado só por el mesmo en 2014.  

Javi Gómez Noya, Campión Mundial do Medio Ironman 2017 Foto: Cedida
photo_camera Javi Gómez Noya, campión mundial do medio Ironman 2017 Foto: Cedida

O triatleta de 34 anos ten de novo o seu físico ao cen por cen e cando está en plena forma é moi difícil, por non dicir imposíbel, de bater. O único quíntuplo Campión do Mundo de Tríatlon gañou o Ironman 70.3 –Mundial de Medio Ironman– cun tempo total de 3 horas 49 minutos e 45 segundos.

A versión máis madura de Gómez Noya, que cociña pouco a pouco os seus trunfos, apareceu en Estados Unidos para abraiar o mundo, e remontar o estadounidense Ben Kanute unha diferenza de 4 minutos 16 segundos no tramo de medio maratón, no que o galego simplemente voou. Saíu da auga en cabeza, cóbado con cóbado con Kanute, pero o americano moveu máis vatios que ninguén en bicicleta para gañar terreo a todos os seus rivais, mais Noya continuaba aí.

E como non, coas zapatillas de correr non houbo cor. No último tramo o galego fíxose inalcanzábel e imposíbel de bater. Cando levaba 13 quilómetros, Javi chegou co seu tren a pé máis fondeiro e para que o estadounidense non o seguise, volveu ao seu pasado máis explosivo. Seguiu directo até os 21.097 metros e fechou a proba con 3 horas 49 minutos e 45 segundos. Viña de gañar o Medio Ironman de 2014, pero esta parece ser a antesala definitiva para dar o esperado gran salto ao Ironman en 2018.

Duplo premio antes de buscar o hexacampionato en distancia olímpica

Segundo o previsto, por méritos propios e non por falta de rivais de nivel, Gómez Noya alzou a segunda fita de meta das tres que compoñen a chamada ‘Tripla Coroa’ do Ironman 70.3. Gañou en Dubai a segunda fita o pasado mes de febreiro e ten cita coa terceira o vindeiro mes de novembro en Bahrein.  Após do primeiro éxito, chega a terza feira Rotterdam para loitar contra o esgotamento, o jet-lag e a diferenza de puntos de Mario Mola na clasificación xeral das Series Mundiais. En Holanda, ao balear valeríalle ser quinto para revalidar o título logrado en 2016 e Javi é consciente de que non depende de si mesmo. Aínda así, ha saír a gañar. A Mola, a Jonathan Brownlee, a Richard Murray, e a toda a comandancia xeral da distancia olímpica na que xa reinou cinco veces, máis que ninguén.

Comentarios