Gómez Noya derrota o británico Jonathan Brownlee e faise coa súa terceira coroa mundial

Un sprint dramático na proba máis agónica. Gómez Noya rachou todos os prognósticos e aos seus 30 anos fíxose co seu terceiro título de campión do mundo.

Gómez Noya
photo_camera Gómez Noya

Gómez Noya voltou a reinar. Fíxoo derrotando a Jonathan Brownlee, un dos prodixios británicos, en Londres, na recta final dos 10.000 metros lisos, após previamente exhibirse como adoita na piscina e sobre a bicicleta.

A cousa decidiuse, como nos Xogos Olímpicos de 2012, tamén decorridos en Londres, entre os irmaos Brownlee e o portento galego.

Alistair, o favorito, non puido optar ao trunfo porque unhas molestias físicas na proba atlética o deixaron fóra de toda opción a disputar a medalla de ouro nos metros finais. O seu corpo dixo abonda. O de Gómez Noya, non. O galego completou os 10.000 metros en menos de 30 minutos. E non só iso: administrou a gasolina con tanta sabedoría como para bater a Jonathan nun sprint final dramático.

Este é o terceiro mundial para o triatleta galego, que xa se cinxira a coroa en 2008 (Vancouver) e 2010 (Budapest).

Comentarios