Gómez Noya consegue que Galiza sexa olímpica

O esforzo do deportista galego valeulle a prata na competición de Triatlón dos Xogos Olímpicos de Londres 2012.
Chegada de Gómez Noya en Londres 2012
photo_camera Chegada de Gómez Noya en Londres 2012

Gómez Noya asinou unha carreira de loita e estratexia. A piques estivo de vencer aos irmáns Bronwlee na súa propia casa e diante do seu propio público. Non foi así mais a prata do galego ben merece unha grande celebración para o noso deporte. A competición seguiu o guión que @s especialistas pensaban: un taboleiro con moitas pezas que remataría cos dous ingleses e o galego como protagonistas finais. Na proba de natación foi o eslovaco Richard Varga quen impuxo un ritmo durísimo que seguiron ben os Brownlee, Gómez Noya e un quinto deportista: o italiano Fabian.

Bronwlee e Gómez Noya notaron o esforzo despois de cruzar a meta cunha imaxe para a historia.

Aínda con moita competición por disputar, a bicicleta abriuse a unha hipotética batalla de vinte, con outros nomes como Hayes, un dos “colaboradores” dos irmáns Brownlee. Non foi así e o suspense quedou para a proba final: a carreira a pé. Aquí quedou claro que as medallas estarían entre o galego e os dous irmáns ingleses. Unha penalización de Jonathan Brownlee deixou a loita polos dous primeiros postos entre o seu irmán Alistair e Gómez Noya. Ao remate levou a medalla de ouro Alistair Bronwlee, segundo, coa prata, foi un espléndido Javier Gómez Noya. Ambos deportistas notaron o esforzo despois de cruzar a meta cunha imaxe para a historia: a aperta desde o chan de dous adversarios que se respectan.

Un exemplo de superación
Javier Gómez Noya é fillo da emigración. Naceu en Basilea (Suiza) en 1983 aínda que con poucos meses de idade pasou a vivir a Ferrol. Desde novo xa dedicou todos os seus esforzos ao deporte e descobre o Triatlón en 1998. Debuta no Triatlón olímpico de Castropol (Asturies) con quince anos e queda segundo. Gaña numerosas probas até que en 1999 os médicos lle atopan unha anomalía cardíaca e retíraselle a licencia para competir. Segue competindo e gañando probas e en 2003 recupera a licenza. En Nova Zelanda gaña o Mundial sub 23 e decide loitar por estar nuns xogos olímpicos.

Carreira cara á medalla
Aínda que chegan os bos resultados unha polémica decisión déixao fóra de Atenas. En 2005 gaña a prestixiosa competición privada France Irontour mais retíranlle outra vez a licenza. En 2005 recupera a posibilidade de competir a nivel internacional e gaña en tres probas do campionato do mundo e varios segundos e terceiros postos. Lidera a competición a nivel mundial e recunca coa idea do soño olímpico. Continúan os éxitos e consegue o Campionato do Mundo de Triatlón en Vancouver e ser Olímpico en Pekin. Neses Xogos Olímpicos está a piques de levar medalla e queda en cuarto posto na proba.
Aínda que as lesións non o deixaron adestrar e competir ao nivel que desexaría seguen os éxitos e consegue en 2009 o Campionato de Europa e en 2010 o subcampionato. Este ano tiña que ser e foi. Gómez Noya xa ten unha medalla olímpica de seu.

Comentarios