Rematou segundo a última proba, celebrada en Chicago

Gómez Noya, campión do mundo de triatlón por quinta vez

Co quinto título mundial, o triatleta ferrolán xa é o mellor da historia ao desempatar co sudafricano Simon Lessing

14
photo_camera 14

O ferrolán Javier Gómez Noya conseguiu esta madrugada proclamarse pentacampión do mundo de triatlón após rematar a última proba das Series Mundiais de 2015 en Chicago na segunda posición, a tan só catro segundos do mallorquín Mario Mola, que tamén repetiu subcampionato.
Ao triatleta galego abondáballe con rematar na terceira praza se Mola acadaba a vitoria, como así foi, nun esprint final co que contrarrestou a intención de Gómez Noya de vencer en Chicago para culminar así unha tempada inesquecíbel. A proba decorreu como de costume. O ferrolán saía da primeira parte, os 1.500 metros a nado, por detrás do grupo de cabeza, e foi na carreira a bicicleta e, sobre todo, a pé, onde o o galego, canda o propio Mola, puxeron terra de por medio co grupo se perseguidores. Os 10 quilómetos de carreira foron realmente prácidos para ámbolos dous triatletas, até o punto de se converteren nun man a man para dilucidar quen acadaría o triunfo.Co campionato logrado hoxe, Gómez Noya supera o mítico triatleta sudafricano Simon Lessing, que entre 1992 e 1998 acadara catro triunfos nas Series Mundiais.

O deportista galego supera xa o sudafricano Simon Lessing, quen entre 1992 e 1998 conseguiu catro Mundiais

Trala finalización da proba, o ferrolán asegurou que o seu obxectivo, para o que traballará os vindeiros meses logo dun pequeno descanso, son os Xogos Olímpicos de Rio de Janeiro. Como se lembrará, as anteriores participacións do triatleta galego no maior evento deportivo do planeta se saldaron cun cuarto posto en Pequín (2008) e unha medalla de prata en Londres (2012). O ouro olímpico é agora a prioridade dun deportista irrepetíbel, o máis grande triatleta da historia.

Comentarios