Joselu e Mosquera marcaron na segunda parte

O Deportivo vence ao Málaga e achégase á salvación

O equipo coruñés, nove puntos por riba dos postos de descenso

Depor-Málaga
photo_camera Depor-Málaga

O Deportivo da Coruña conseguiu esta tarde en Riazor a vitoria que o achega á permanencia na Primeira División após gañar ao Málaga por 2-0. Os goles galegos de Joselu, coa testa no minuto 47 a centro de Luisinho, e Mosquera, no 67, apenas catro despois de entrar no céspede en substitución de Bruno Gama, sitúan o equipo coruñés nove puntos por riba da última praza de descenso, que nestes intres ocupa un Sporting de Gijón que recibe esta tarde ao Real Madrid. 

O partido foi gris na primeira metade, con alternativas nas dúas áreas. O Málaga de Míchel González non foi o mesmo que a semana pasada derrotou o todopoderoso FC Barcelona na Rosaleda e, agás algunha acción puntual de Juánkar e Sandro, practicamente non inquedou o meta deportivista Germán Lux. A mellor ocasión para os visitantes foi cando xa perdía por 2-0 e grazas a un potente disparo lonxano de Camacho. 

Pola súa banda, o Deportivo introduciu dous cambios a respecto do once que sacou Pepe Mel no Sánchez Pizjuán a semana pasada -Carles Gil e Bruno Gama por Marlos e Colak- e esa proposta deu bos resultados, cun conxunto deportivista máis profundo polas bandas, por onde chegou practicamente todo o perigo dos locais. Ao Deportivo réstanlle agora seis xornadas por disputar, se ben coa vitoria de hoxe as présas e os nervos fican xa relativamente lonxe.