Tres goles de Adroher dan ao Liceo da Coruña a terceira Supercopa de España

Impúxose 3-2 na final ao gran favorito e máximo rival na liga, o Barça.
liceo_supercopa
photo_camera Os xogadores do Liceo celebran na pista a consecución do trofeo (Foto: Hockey Club Liceo)

Tres goles de falta directa do internacional catalán Jordi Adroher deron ao Liceo da Coruña a súa terceira Supercopa de España de hóckey sobre patíns, na final disputada o domingo en San Sadurní de Noia, onde derrotou o Barça por 3-2. 

O partido entre os últimos campións da OK Liga (o equipo catalán) e da Copa do Rei (o conxunto galego) cumpriu as expectativas e non defraudou. O Barça comezou por diante no marcador, cun golazo de Helder Nunes, e dominou o Liceo nos primeiros compases do encontro. Non obstante, antes do descanso Adroher ─sen dúbida o mellor na pista─ empatou co primeiro dos seus tres goles de falta directa.

O guión do primeiro tempo tivo continuidade no segundo, con Pau Bargalló desnivelando o marcador a favor do Barça grazas a un potente tiro exterior. Non foi até a recta final que Adroher ─que xa marcou 17 goles de falta directa na pasada tempada─ consumou a remontada con dous tantos. 

O Barça, que tivo ao veterano Aitor Egurrola, de 41 anos, na portería por lesión de Fernández, mantivo un alto nivel en todo o partido, gozando de maiores ocasións, mais o Liceo foi máis resolutivo en xogadas a bóla parada. 

O conxunto coruñés consegue así o primeiro título oficial da tempada ante o que, posibelmente, será o seu gran rival na OK Liga, que bota a andar a vindeira fin de semana coa novidade do retorno dos play-off.

Cisma consumado

Por outra banda, o sorteo da próxima edición da Euroliga que se desenvolveu na localidade portuguesa de Paredes, consumou a división do hóckey patíns europeo, sen a participación na máxima competición continental dos oito mellores equipos, entre estes o Liceo, o Barça, o Reus, o Caldes e o Noia, que crearán a nova Superliga xunto a outros sete clubs.

A Asociación Europea de Clubs de Hockey Patines (EHCA), que forman os citados equipos galego e cataláns, xunto a outros cinco portugueses (Sporting, Oporto, Benfica, Oliveirense e Barcelos), así como o Forte dei Marmi italiano e o Saint-Omer francés, xa comunicaran que non estarían no sorteo organizado pola federación continental, a World Skating Europe, tras non chegaren a ningún acordo para a reforma da Euroliga.

A situación é moi similar á que se produciu hai anos no baloncesto e que propiciou o nacemento dunha nova competición. A vella estará formada por dous grupos de catro equipos. Os dous primeiros de cada un xogarán unha final a catro.

Comentarios