Un gol de Rennella no minuto 90 devolve ao Lugo á senda da vitoria após 7 xornadas sen gañar

O Lugo sumou 3 pontos moi valiosos en Soria, após un partido en que primeiro tivo a posesión da bola e logo safou grazas ao bon traballo de Dani Mallo baixo paus.

Lugo
photo_camera Un lance dun xogo do Lugo

Sete xornadas sen gañar foron unha eternidade para a equipa de Setién que, porén, non se descompuxo nesta má xeira e continuou a acreditar en si proprio e na esencia do seu fútebol, basicamente combinativo.

Non por acaso o Lugo reencontrou a vitoria grazas ao seu futbolista con máis gol, Rennella, desaparecido en combate no segundo tramo do campionato, lastrado por problemas físicos.

Dani Mallo, extraordinario

Soria foi un partido desigual para os de Setién. Comezaron donos da bola, os 20 primeiros minutos con control da bola e os locais á espectativa. Logo o xogo se desequilibrou, a prol dos locais, mais aí apareceu Dani Mallo, extraordinario en varias intervencións a disparos con moito perigo da escadra numantina. O gardamallas galego mantivo vivo o Lugo.

A segunda parte non tivo un dominador claro, e o balón ía e viña dunha a outra área. Facía falta un rematador, alguén que lle puxese o candado ao choque. Ese foi Rennella. Fíxose agardar, mas o seu gol, no minuto 90, coloca o Lugo con 30 pontos, a só seis dos líderes Sporting e Deportivo.

Numancia: Biel Ribas; Akapo, Gaffoor, Juanma, Bonilla; Antonio Tomás (Bedoya, min. 89), Víctor Andrés (Pedro, min. 64); Natalio (Palanca, min. 68), Julio Álvarez, Valcarce; Sergi Enrich.
Lugo: Dani Mallo; De Coz, Pavón, Jorge, Manu; Rafa García (Ernesto, min. 46); Pablo Sánchez (Víctor Díaz, min. 91), Pita, Seoane, Álvaro Peña (Iago Díaz, min. 66); Rennella.
Gol: 0-1, m.90: Rennella.

Comentarios