Galiza xoga a permanencia na elite do fútebol

Galiza xa ten perdida unha das dúas prazas das que dispuxo esta temporada na Primeira División. Hoxe pon en xogo a restante. No escenario máis óptimo, Depor ou Celta -ou un ou outro- ficarían en Primeira. No pésimo, descenderían os dous. Todo comeza ás 21 h. A Coruña e Vigo están envorcadas coas súas equipas. Riazor e Balaídos, ateigados, empurrarán cara á salvación.

Celta e Depor
photo_camera Celta e Depor

Galiza xógase hoxe unha praza en Primeira División. Dados os resultados da xornada 37, xa non é posíbel que safen á vez Deportivo e Celta. Esta noite, un dos dous podería ficar na elite. O Deportivo depende de si mesmo. Con gañar garantiría a súa praza. O Celta precisa que o Deportivo non gañe e gañar el fronte o Espanyol. Hai outras, múltiplas, combinacións posíbeis. De non gañaren as equipas galegas, e de o facer o Zaragoza ou até o Mallorca, Galiza ficaría sen representación na élite.

As contas son sinxelas en Riazor. Marcar un gol máis do que a Real Sociedad abonda. Mas a cousa non é tan doada, tendo en conta que a escadra vasca se xoga nada menos que a súa presenza na Champions League. Felizmente para o Deportivo, a Real si que non depende de si mesmo. Se o Valencia gañar en Sevilla, a Real non tería opción ningunha de xogar a Champions e tería de se conformar coa Europe League. Será inevitábel que uns e outros teñan un ollo posto no Sánchez Pizjuán. O Depor confía en que o Valencia bote unha man e que a súa vitoria momentánea -os partidos nesta última xornada son simultáneos- produza unha inevitábel relaxación nos donostiarras.

O técnico de Castrofeito entregará, mais unha vez, a dirección do xogo á dupla Valerón-JuanDo

Non chegou Marchena para o partido definitivo. Embora acelerase os prazos de recuperación da súa lesión, o campión da Eurocopa 2008 non será da partida e terá que se conformar con acompañar o xogo desde as bancadas e canda el Ayoze, Evaldo e André Santos, non convocados por Fernando.

O técnico de Castrofeito entregará, mais unha vez, a dirección do xogo á dupla Valerón-JuanDo e confiará en Abel Aguilar para lle dar estabilidade ao centro do campo. Pizzi e Gama serán os argumentos polas bandas e Riki terá a responsabilidade de materializar o xogo ofensivo da equipa perante a baliza da Real.

Balaídos terá o ollo posto non no Sánchez Pizjuán, senón en Riazor. O Celta ten de gañar ao Espanyol e agardar a que a equipa coruñesa non faga o proprio fronte a Real. Non ten máis opción que esa. Mais xa é muito para unha equipa á que practicamente todo o mundo daba por virtualmente descendido hai apenas 2 xornadas.

Abel Resino vai apostar en Rubén Blanco, un xuvenil de 17 anos, para defender a baliza da equipa

No Celta é dúbida quen irá ocupar o carril direito na zaga, se Bellvís ou Jony. Do que non hai dúbida é de que a equipa de Abel sairá a polo partido desde o minuto 0 fronte un Espanyol que, este si, non se xoga absolutamenten nada (agás a hipotética prima, claro está).

Borja Oubiña terá a responsabilidade de distribuir o xogo cara ao ataque e, en punta, todos os ollares procurarán a Iago Aspas, o futbolista máis determinante da equipa. Alén do máis, Abel Resino vai apostar en Rubén Blanco, un xuvenil de 17 anos, para defender a baliza da equipa. Enorme responsabilidade para un gardamallas tan novo.

En todo caso, e salvo sorpresa monumental, este sábado 1 de Xuño está riscado en vermello no calendario de muitos seareiros do fútebol, sexan deportivistas ou celtistas. Este sábado 1 de Xuño contemplará os últimos xogos enfundados nas súas camisolas branco azul e celeste de dous futbolistas singulares: Juan Carlos Valerón e Iago Aspas. O xenio canario, de 38 anos, vaise embora, por lei de vida, pondo fin a unha carreira futbolística extraordinaria. O punta de Moaña, de 25 anos, está a piques de desembarcar na Premier League, un bon espazo para mostrar o seu enorme talento, a súa inesgotábel inventiva, tamén o seu temperamento combativo.

Comentarios