Volve o partido pola oficialidade da selección galega de fútbol: o 26 de decembro contra Senegal

O partido pola oficialidade está organizado por Siareir@s Galeg@s. Terá lugar no estadio Santa Isabel (Compostela). Un concerto porá o ramo á xornada.

seleccion galega siareir@s

Volve o tradicional partido pola oficialidade da selección galega e faino en 2015, após o 'parón' de 2014 e no X aniversario do retorno da 'Irmandiña' aos campos de fútbol (29 de decembro de 2005, contra Uruguai). Agora será contra Senegal, nun partido que decorrerá no estadio de Santa Isabel (Santiago de Compostela) o 26 deste mes. Un encontro que se celebra no marco dunha xornada para reivindicar a volta aos campos da selección galega e a súa oficialidade. O partido está organizado por Seareir@s Galeg@s: “ Mais um ano chega dezembro e a Junta da Galiza e a Federaçom Galega de Futebol nom tenhem intençom de organizar o jogo da Seleçom Galega. Mas este ano Siareir@s Galeg@s quer levar a Galiza ao terreno de jogo. O día será o vindouro 26 de dezembro em Compostela”.

A xornada terá varias actividades, como unha manifestación nacional para reivindicar a volta da 'Irmandiña' aos campos de fútbol e como selección oficial. Como estalo final un concerto na sala Malatesta a cargo de Poetarras, Keltoi e Dakidarría, tres grupos con tres estilos definidos e diferentes para poñer música a un día de deporte, convivio e reivindicación.

Dez anos

A selección galega volveu rexurdir en 2005, grazas ao impulso da Consellería de Cultura e Deportes dirixida por Ánxela Bugallo (BNG). Foi no estadio compostelán de San Lázaro nun 29 de decembro e contra Uruguai, gañando Galiza por 3 tantos a dous. Esta selección galega competiu en anos sucesivos contra Ecuador, Camerún e Irán. En 2009 o Partido Popular gaña as eleccións e retorna á Xunta con Feijóo como presidente. Unha das súas primeiras medidas foi acabar coa selección galega.

Os Siareir@s Galeg@s recollen a luva e manteñen nas etapas de Nadal as xornadas de reivindicación da selección galega e a súa oficialidade. No 2009 xoga unha selección de futbolistas galegos contra o CD Paraguayo. Nos anos seguintes, os enfrontamentos serán contra Palestina (2010), Sahara (2011), Kurdistán (2012) e Occitania (2013). En 2014 non houbo o tradicional partido pola oficialidade. “A debilidade do coletivo, as dificultades para contar coa participaçom de desportistas, falta de apoios… “ fixeron imposíbel organizar esta cita que xa era todo un clásico nas datas navideñas, recoñecían na altura desde Siareir@s Galeg@s. Mais o compromiso e traballo deste colectivo fai posíbel que este 2015 si haxa partido.

Comentarios