Galiza terá ampla representación no Mundial de Piragüismo de Hungría

Varios padexeiros e padexeiras clasifícanse para Szeged
Antía Jácome e Antía Otero conseguiron a vitoria na final de C2 500 metros en Verducido. (Foto: FG Piragüismo).
photo_camera Antía Jácome e Antía Otero conseguiron a vitoria na final de C2 500 metros en Verducido. (Foto: FG Piragüismo).

O Complexo Deportivo David Cal, situado no encoro Pontillón de Castro, en Verducido (Pontevedra), acolleu a pasada fin de semana o selectivo que serviu para escoller os e as deportistas que competirán na Copa do Mundo de Piragüismo 2020, que se desenvolverá na localidade húngara de Szeged.

Sara Ouzande e Lara Feixoo abrían as boas novas para Galiza co seu primeiro e segundo posto, respectivamente, na modalidade K1 200 metros, asegurándose así a clasificación para o Mundial. Non obstante, Ouzande, segundo aseguran desde o seu clube, o Kaiak Tudense, renunciará á súa praza para tomar "un descanso" e preparar "con máis forza" a vindeira tempada. 

Outro padexeiro do conxunto tudense, Roi Rodríguez, confirmou as previsións facéndose co segundo posto no K1 1000, unha categoría na que quedou por diante de nomes tan importantes como os de Albert Martí, quen foi terceiro; Pedro Vázquez, quinto; Iago Monteagudo, sexto; Pelayo Roza, sétimo; e Raimon Gastaldo, oitavo clasificado.

Roi Rodríguez competiría tamén no K2 1000 metros xunto a Albert  Martí, rematando en segundo lugar por detrás de Paco Cubelos e Íñigo Pena, actuais subcamións do mundo. Mais o padexeiro vigués non se conformaría con iso, e no K1 500 metros subiu ao máis alto  do podio, após impoñerse a Pedro Vázquez e Pelayo Roza.

A modalidade de canoa deixaría outra vitoria galega, concretamente de Adrián Siero en C2 100 metros, acompañado nesta ocasión na embarcación polo sevillano Cayetano García, ante a lesión do seu habitual compañeiro, Sergio Vallejo. Tamén no C1 1000 metros, no que o cangués David Barreiro conseguiu o triunfo e a clasificación para a Copa do Mundo de Szeged con só 21 anos. 

Finalmente, as pontevedresas Antía Jácome e Antía Otero lograron a vitoria na final de C2 500 metros, superando a veterana María Corbera -que acumula máis de 80 metais ao longo da súa traxectoria- e a pucelana Patricia Coco.

Éxito do Ría de Aldán na ETEA de Vigo

Verducido non foi o único lugar da xeografía galega onde se desenvolveron competicións de piragüismo nesta fin de semana. A aproximadamente 40 quilómetros en dirección sur, concretamente nas antigas instalacións da Escola de Transmisións e Electricidade da Armada (ETEA), en Vigo, perto de 600 padexeiros e padexeiras disputaron a III Regata da Liga Provincial de Pontevedra nas categorías pre-Benxamín, Benxamín e Alevín.

Organizada polo Clube Piragüismo Olívico, e enmarcada no calendario de actividades da Semana Abanca, a clasificación xeral quedou encabezada polo Clube de Mar Ría de Aldán, que alcanzou a cifra de 9.526 puntos. 

Lucas Caride (Ría de Aldán) fíxose coa vitoria na categoría pre-Benxamín masculina, mentres que na feminina foi Leire Fernández, tamén do Ría de Aldán. Os seguintes en participar serían os homes Benxamín, levando a medalla de ouro Lucas Díaz (Piragüismo Olívico). Por parte das mulleres foi Lucía  Macedo (Kaiak Tudense) quen gañou a proba 

Finalmente, Candela Alonso e Martín González foron as gañadoras na categoría Alevín B, mentres que na carreira que puxo fin á competición, Alba Baños e Gael Bernal facíanse co triunfo en Alevín A após superar Eva García e Alejandro Martínez, respectivamente.

Comentarios