Galiza será actriz determinante na Volta Ciclista 2021

A Volta Ciclista a España, a proba en estrada máis importante do mundo tras o Tour de Francia e o Giro de Italia, finalizará a súa edición de 2021 en territorio galego. A 'serpe multicolor' entrará no país vía Monforte de Lemos para rodar despois até as Rías Baixas e concluír cunha contra o reloxo que promete ser determinante. 
O suízo Tony Rominger proclamouse en Compostela gañador da Volta '93, estando flanqueado no podio por Alex Zülle e Lale Cubino.
photo_camera O suízo Tony Rominger proclamouse en Compostela gañador da Volta '93, estando flanqueado no podio por Alex Zülle e Lale Cubino. (Foto: Arquivo)

Unipublic, entidade organizadora da Volta Ciclista a España, deu a coñecer durante a xornada de onte o percorrido da edición de 2021 da terceira carreira por etapas máis importante de mundo -só por detrás do Tour de Francia e o Giro de Italia-, e na que Galiza será actriz determinante, pois acollerá as tres últimas etapas da proba.

A 'serpe multicolor' entrará en territorio galego o día 3 de setembro, no transcurso da décimo novena e antepenúltima xornada de competición. Nunha etapa de media montaña que terá saída na localidade asturiana de Tapia, os ciclistas cruzarán a fronteira na comarca da Fonsagrada, un sube-baixa constante con final en Monforte de Lemos, que ofrecerá unha das posibilidades máis elevadas de desenvolver unha fuga con éxito no conxunto do percorrido, co atractivo engadido da incógnita que representará o estado físico duns corredores que a bo seguro virán esgotados logo da alta montaña que padecerán nos días inmediatamente anteriores. 

A continuación, o pelotón vivirá un cambio radical de ambiente, trasladándose até Sanxenxo para iniciar unha vixésima xornada que conta cun trazado deseñado polo ex ciclista galego Óscar Pereiro e que o lendario líder do Kelme, Fernando Escartín, define como unha etapa "que promete ser moi divertida para os espectadores e espectadoras".

O dúas veces subcampión da Volta nos anos 90 cre que durante os seus 173,6 quilómetros de duración, que se estruturan nunha primeira parte máis suave que dá paso a unha pequena 'clásica' con subidas e baixadas e cinco portos curtos pero duros, como son os altos de Vilachán, Mabia, Mougás, Prado e Castro de Herville, os ciclistas terán a oportunidade de vivir unha sorte de 'mini Lieja-Bastoña-Lieja', en referencia a unha das clásicas máis importantes do mundo.

Finalmente, a organización decidiu recorrer á nostalxia para deseñar a vixésimo primeira e derradeira etapa da competición, que é practicamente un calco da que tivo lugar en 1993 e que supuxo a consumación do triunfo final do suízo Tony Rominger, por diante do seu compatriota Alex Zülle e do español Laudelino Cubino.

Como hai 28 anos, será unha contra o reloxo individual, e unha vez máis terá saída na localidade de Padrón, aínda que esta vez non finalizará no Monte do Gozo, senón na praza do Obradoiro, e contará con 33,7 quilómetros de extensión, en lugar dos 44,5 de 1993, que atravesarán sinuosamente localidades como Bertamiráns, Roxos e Vidán. 

Outra Volta sen equipo galego profesional

A pesar da boa nova que supón para a numerosa afección ciclista galega a relevancia que adquire o país no percorrido desta Volta, a alegría non pode ser completa, pois un ano máis, e con este serán 11, non haberá ningún equipo da Galiza na partida, e quen sabe se algún corredor, pois na edición do ano pasado non participou nin un só galego.

Esta situación é consecuencia directa da decisión da Xunta da Galiza de acabar co Xacobeo Galiza retirándolle o seu apoio en outono de 2010, xusto cando o deporte das dúas rodas na Galiza vivía un dos mellores momentos da súa historia, como proba o subcampionato obtido polo teense Ezequiel Mosquera na rolda española tan só uns días antes.  

Comentarios