FúTBOL

Galiza vence o Senegal (1-0) no partido que reivindicou a volta da selección oficial

O campo de Santa Isabel acolleu na tarde do sábado o partido reivindicativo pola volta da selección oficial de fútbol. Fíxoo cun encontro amigábel organizado por Seareir@s Galeg@s, que logrou convocar futbolistas do combinado galego e do senegalés.

SEareiras
photo_camera [Imaxe: Seareir@s]

O campo de Santa Isabel acolleu o partido pola oficialidade da selección galega que, nesta ocasión, enfrontou o combinado galego co senegalés. Precisamente, este encontro tivo lugar coincidindo co décimo aniversario do retorno da Irmandiña aos campos de fútbol, o 29 de decembro de 2005 contra o Uruguai.

O partido, moi igualado, rematou con vitoria para o combinado galego pola mínima (1-0). "O de menos foi o resultado", insisten os afeccionados e afeccionadas, que acudiron a Santa Isabel, amais de para gozar do fútbol, para reivindicar a volta da Irmandiña oficial aos terreos do xogo.

Dez anos desde a volta da Irmandiña ao céspede

Após o partido do Uruguai, que ateigou o estadio de San Lázaro grazas ao traballo da Consellaría de Cultura e Deportes, da que era responsábel o BNG, o combinado galego competiu contra o Ecuador, contra Camerún e contra o Irán. En 2009, coa volta do PP á Xunta de Galiza, desapareceu dos terreos de xogo a selección galega.

O colectivo Siareir@s Galeg@s fíxolle fronte á Xunta de Galiza e desde entón organizou partidos entre futbolistas galegos e futbolistas doutros países. Deste xeito, no mesmo 2009, tras o desplante de Alberto Núñez Feijóo á Irmandiña, os Siareir@s convocaron Galiza contra o CD Paraguaio; en 2010, o partido foi contra Palestina; en 2011, contra o Sáhara; en 2012, contra o Kurdistán e en 2013, contra Occitania. A falta de apoios e a dificultade para atopar futbolistas provocaron que a plataforma de afeccionados e afeccionadas galegas non puidese organizar a cita, que si puido ser posíbel neste 2015.

Na semana pasada, a TVG anunciou que a Federación Galega de Fútbol prepara a volta da Irmandiña aos terreos de xogo o ano que vén, aínda que se descoñecen os detalles das xestións ás que aludiu á canle pública.

Ciincocentas persoas manifestáronse en Compostela

seleccionArredor de 500 persoas, segundo os datos da organización, manifestáronse as horas previas ao partido nas rúas de Compostela para reivindicar unha selección nacional oficial para Galiza. As persoas participantes, que corearon consignas como “unha nación, unha selección” ou “selección oficial xa”, saíron pasadas as 18.25h da Alameda e chegaron pasadas as 19h ao campo de Santa Isabel, onde tivo lugar o partido.

Após o encontro que enfrontou representantes de Galiza e do Senegal, os seareiros e seareiras gozarán dos concertos programados na Sala Malatesta como fin de festa desta xornada lúdico-reivindicativa. Actuarán Poetarras, Keltoi e Daikidarría.

Imaxe dentro: GZcontrainfo

Comentarios