Galiza, sede do campionato europeo de fútbol gaélico 2020?

Puntogal e Voltier Electronics selan un acordo de patrocinio da selección galega de fútbol gaélico. Cubrirá a participación do equipo galego nos GAA World Games deste verán e no campionato europeo do ano que vén, que podería disputarse no noso país..

gaelico convenio

A empresa galega Voltier Electronics e a Asociación PuntoGal asinaron esta cuarta feira o acordo polo que van ser as entidades patrocinadoras principais da Selección Galega de Fútbol Gaélico para os vindeiros dous anos. Na sinatura do convenio participaron o presidente da Asociación Galega de Fútbol Gaélico (AGFG), Ángel Negrete, mentres que en representación de PuntoGal estiveron presentes o seu presidente, Manuel González, e o seu director xeral, Darío Janeiro, e por parte de Voltier Electronics Iván Souto e Luis Rama, socios fundadores.

Negrete subliñou a transcendencia deste convenio de patrocinio “que nos permitirá seguir medrando como referencia do fútbol gaélico a nivel internacional a través da Selección Galega”.

O convenio cubre a participación da selección no mundial deste verán e no europeo do ano que vén para o que, ademais, anunciou “estamos traballando na candidatura de Galiza como sede”. “As achegas de entidades empresariais unidas a outro tipo de iniciativas que vimos levando a cabo para conseguir fondos” -engadiu Negrete- “son imprescindibles para poder afrontar a participación das Seleccións en torneos internacionais, tendo en conta que somos totalmente amateurs”.

Comentarios