mércores 08/12/21

Galiza, a ritmo de récord en Toquio

Disparadas. Así van as representantes galegas nos Xogos Olímpicos, onde Nico Rodríguez vén de conseguir a terceira medalla galega, cifra que aumentará mínimo até as catro cando Iván Villar dispute a final de fútbol ante o Brasil. Ademais, o piragüismo e o balonmán poderían elevar os resultados até cotas nunca alcanzadas.
O galego Nico Rodríguez e o seu compañeiro Jordi Xammar volven cun bronce colgado no pescozo.
O galego Nico Rodríguez e o seu compañeiro Jordi Xammar volven cun bronce colgado no pescozo (Foto: TVE)

Primeiro foi Ana Peleteiro, despois foi a quenda de Teresa Portela e esta cuarta feira, 4 de agosto, Nico Rodríguez logrou a terceira medalla galega nos Xogos Olímpicos de Toquio, concretamente na proba do 470 de vela, en compañía do catalán Jordi Xammar.

A parella logrou un bronce logo de finalizar en quinta posición na 'Medal Race', abondo para aumentar un palmarés colectivo que xa inclúe outros terceiros postos nos mundiais de 2018 e 2021 e un subcampionato no de 2019.

En atletismo, o derradeiro representante galego, Adrián Ben, estivo máis preto do podio nos 800 metros lisos do que apuntaban as previsións, pois nunha carreira na que foi de menos a máis conseguiu rematar en quinta posición, confirmando así que o límite e o ceo para un deportista de tan só 23 anos que, curiosamente, estivo de aniversario no día no que conquistou o Diploma olímpico.

Tamén quedaron ás portas do metal Tamara Abalde e Raquel Carrera, pois o combinado estatal de baloncesto foi eliminada por Francia nos cuartos de final (64-67). Aínda que Abalde non saltou á pista, Carrera si que tivo minutos, aínda que por momentos, quizais polo seu escaso peso no vestiario dada a súa xuventude, parecía que o adestrador confiaba nas súas posibilidades máis que as súas compañeiras, que especialmente no terceiro cuarto preferiron optar por arriscar o tiro -a pesar da pésima porcentaxe de 38% rexistrado polas españolas- ou por unha xogada individual antes que cederlle a bola á galega de 19 anos.

Aínda máis nova é Julia Benedetti (16), que rematou na décimo sexta posición na modalidade de skateboarding, lonxe das medallas, pero coa satisfacción de saber que lle quedan por diante moitas oportunidades para saborear os meles do ouro.

A esperanza do piragüismo

Carlos Arévalo (K1 200) e Antía Jácome (C1 200) superaron a primeira rolda nas súas respectivas categorías, e se conseguen facer o propio nas semifinais, disputarán a final coa vista posta nos metais.

A información galega está na túa man!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

Galiza, a ritmo de récord en Toquio
comentarios