Galiza quere conquistar Madrid no Estatal de Atletismo ao Aire Libre

A expedición galega ten moitas opcións de medalla.
Peleteiro é, con moito, a atleta do país con maior relevancia en Twitter e Instagram. (Foto: EP).
photo_camera Ana Peleteiro é a favorita no triplo salto. (Foto: EP).

Un total de trinta e oito galegos e galegas tomarán parte durante esta fin de semana na cita máis importante do ano a nivel estatal, os Campionatos de España Absolutos de Aire Libre, que se desenvolverán na localidade madrileña de Xetafe, estando totalmente condicionados pola inminente disputa dos Xogos Olímpicos de Toquio.

Con respecto a participación galega, e comezando polo sector de velocidade, a paralímpica Adi Iglesias agarda pórse a proba nos 100 e nos 200 metros pensando xa na gran cita nipona, mentres que Mauro Triana e Chichu García teñen como común obxectivo lograr entrar nunha final que promete estar moi cara.

Xa nos 400, o recente bronce no Estatal Sub-23, Jacobo Soler, así como Pedro Juncal, agardan mellorar os seus rexistros persoais de 47,41 e 47,42, nunha proba que servirá como antesala ao que poida acontecer nos 800 metros, onde a expedición galega está conformada por Adrián Ben -que conta con boleto para os Xogos Olímpicos-, Elian Numa e Pedro Osorio.

Na proba raíña, os 1.500 metros lisos, tanto Laura Santos como Carlos Porto agardan confirmar a súa positiva progresión, e non é descartábel que ningunha das dúas atletas finalicen nos postos de privilexio.

Pola súa banda, Carmela Cardama, que vén de facer historia no circuíto da NCAA estadounidense, será unha das favoritas na proba dos 5.000 metros, onde a venezolana con ficha galega Edymar Brea tamén estará na loita polos postos importantes.

Hexemonía nos valos

Tanto Lucía Rivadulla como Belén Arias intentarán prolongar a hexemonía galega na modalidade dos valos, no que a segunda parte coa mellor marca de entre todas as participantes con 1.01.11. 

Outro eido que promete grandes alegrías é o dos fosos de saltos, pois na lonxitude Galiza conta con nin máis nin menos que co olímpico e seis veces campión de España Jean Marie Okutu, que vén de saltar recentemente por enriba dos oito metros.

Entre as mulleres, Leticia Gil intentará superar os 6,26 metros para regresar a un podio que xa ocupou na edición de 2019, cando gañou o bronce, sen descartar a posibilidade da irrupción entre os postos de cabeza da venezolana con ficha galega Nori Vargas.

No triplo Ana Peleteiro parte como clara favorita ao título, nun importante test de cara aos Xogos e onde non se debe perder de vista tampouco as evolucións da campioa de España de Pista cuberta Sub-20, Alba Cuns. 

Do mesmo modo que Peleteiro, Belén Toimil parte como favorita no apartado de lanzamentos de peso, optando a revalidar o seu título de campioa e, por que non, a mellorar a súa plusmarca estatal de 18,64 metros.

No martelo, Irene Gómez, logo de lanzar este ano até os 60,17 metros, acapara os focos dunha afección galega que tamén debe manter un ollo sobre as actuacións do veterano Isaac Vicente e do prometedor Yago Araújo.

A xavelina será outro dos puntos de interese, coa participación da tetracampioa de España absoluta Lidia Parada e da subcampioa do ano pasado, Carmen Sánchez. Ambas chegan coa segunda e a terceira mellor marca estatal do ano, respectivamente, polo que as opcións de medalla son moi importantes, do mesmo modo que acontece na categoría masculina, na que toma partido Manuel Uriz, campión en 2013.

Comentarios